1 de set. de 2025

VIGO

O comité de Vitrasa convoca protestas contra as sancións da empresa ao persoal de condución por accidentes de tráfico durante a xornada de traballo 


Bus de Vitrasa
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Vitrasa acordou convocar unha serie de mobilizacións para rexeitar a política de sancións da empresa ao persoal de condición que sufre accidentes de tráfico durante a xornada de traballo, despois de que no último mes fosen comunicadas dúas. As protestas terán lugar no acceso ás instalacións da concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo os vindeiros días 10 e 18 de setembro de 7:00 a 10:00 horas. 

 A representación legal das persoas traballadoras de Vitrasa xa denunciara en numerosas ocasións que as condicións de traballo impostas pola compañía e o intenso tráfico que rexistra a cidade provocan unha presión excesiva no día a día do persoal de condición, o que loxicamente pode traducirse en erros e accidentes. “Se para nós supón unha carga emocional importante ter accidentes, que estes sexan sancionados engade máis presión ao noso traballo”, sinalan.  

 Neste senso, fan fincapé en que ningún destes sinistros foi consecuencia de saltarse as normas ou incumprir o código de circulación, “senón que se deberon ás condicións impostas pola empresa e ao caos circulatorio da cidade”. De feito, sosteñen que o persoal evita a diario unha gran cantidade de accidentes. “E non queremos que se nos premie por iso, pero entendemos que tampouco se nos debe sancionar polo contrario”.  

 Ao mesmo tempo, inciden en que teñen por diante uns meses moi complicados polas obras que se están acometendo nas rúas Lepanto, Avenida de Madrid e Gran Vía, ademais do inicio do curso escolar. “As luces de Nadal e calquera outro evento que xurda vai provocar un incremento deste tipo de incidentes”.  

 Lembran que os tempos de percorrido insuficientes que historicamente padecen e veñen denunciando non se amplían nin sequera nestes contextos, “polo que aumenta aínda máis a presión á que se ve sometidos o persoal de condución”.  

 En consecuencia, o comité de empresa decidiu iniciar unha serie de mobilizacións “que se verán incrementadas no caso de que non haxa unha rectificación e un cambio de actitude por parte da empresa”.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario