A Deputación pon en valor a figura das alfombreiras este xoves en Redondela no primeiro faladoiro da nova edición do programa provincial Aquí faltan páxinas
• O presidente Luis López asistirá á actividade terá lugar no Pazo de Petán ás 20:00 horas coa participación de alfombreiras de distintos concellos da provincia
Infogauda / Redondela
O Pazo de Petán, en Redondela, acolle este xoves 4 de setembro ás 20:00 horas o primeiro faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas. O presidente da Deputación, Luis López, acompañado pola deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá a esta actividade na que as protagonistas serán as alfombreiras María Carrera Otero, de Ponteareas; Susana Ricón e Mayka Cabaleiro, de Redondela; Loli Docampo, de Bueu; e Tere Pereira, de Gondomar.
O faladoiro centrarase na confección das alfombras de flores, unha manifestación cultural secular que en Galicia permanece viva grazas ao papel esencial das mulleres. As alfombreiras son transmisoras dos códigos simbólicos desta tradición, depositarias da sabedoría popular herdada xeración tras xeración e facedoras dun traballo comunitario e interxeracional que se segue repetindo cada primavera en moitas vilas da provincia de Pontevedra.
O seu legado, grazas ao traballo da Federación de Alfombristas de Galicia, xa foi incluído no censo galego de patrimonio inmaterial da Xunta e declarado manifestación representativa do patrimonio español polo Ministerio de Cultura. Ademais, actualmente agarda a decisión da UNESCO para sumarse ao Listado Representativo do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A actividade, que se poderá seguir a través do sitio web da Deputación, irá acompañado dun podcast con testemuños recollidos durante o encontro.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. As accións incluirán a historia das cantareiras de Gargamala; a modista Juana de la Cruz "Juaniña"; as nais contra a droga; a primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias; ademais das mulleres do mundo do viño; a soprano de zarzuela Matilde Vázquez; a fotógrafa e xornalista Corona González; a bióloga Marisol Soengas; a arquitecta Rita Fernández Queimadelos; a cineasta Cruz Risco; e as primeiras policías locais, Marian Ledo e Begoña Villar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario