A sede da Deputación en Vigo acollerá este venres a presentación do proxecto audiovisual “El grito de Caallas”
• A proxección terá lugar a partir das 19:30 horas e contará coa actuación da soprano e coprotagonista da cinta Dania Diva
Infogauda / Vigo
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo vai acoller este venres, 8 de agosto, a presentación da obra audiovisual “El grito de Caallas”, escrita, dirixida e producida polo cineasta arxentino e residente en Galicia Gastón López. No acto, que comezará ás 19:30 horas, os máis de 200 asistentes xa confirmados poderán gozar da actuación ao vivo de Dania Diva, soprano cubano-galega e coprotagonista da cinta, que interpretará unha selección de pezas en homenaxe a María Callas.
“El grito de Caallas” é un proxecto audiovisual sobre a vida da gran diva da ópera, un drama musical íntimo, profundo e conmovedor que explora a dualidade emocional e profesional de María Callas, unha das voces máis importantes da ópera universal. A historia transcorre nun teatro nos momentos previos a unha actuación, onde a artista se enfronta ás súas pantasmas: o desexo de ser simplemente María e a carga de ser eternamente Callas.
Cunha estética coidada e un enfoque que alterna presente e pasado, Gastón López constrúe unha obra que, ademais de homenaxear a Callas abordando momentos claves da súa vida, tamén propón unha reflexión sobre a identidade, a creación artística e a fraxilidade humana detrás do mito. A cinta conta cun reparto encabezado por Uxía Blanco, no rol de María, e Dania Diva, no papel de Callas. Humy Donado, Fran Paredes, Daniel Gómez e Isabel Álvarez completan o elenco do filme.
Ningún comentario:
Publicar un comentario