A CIG empraza ás administracións a elaborar, con urxencia, un Protocolo de prevención da violencia no traballo no Servizo de Axuda no Fogar
Presentou a súa proposta de protocolo marco e convoca folga, o 13 de agosto, para presionar ás administracións para reclamar a dignificación e garantir a seguridade do persoal dos SAF
A CIG presentou esta mañá unha proposta de “Protocolo de actuación ante situacións de violencia no traballo no sector de Axuda a domicilio”
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, unha proposta de “Protocolo de actuación ante situacións de violencia no traballo no sector de Axuda a domicilio”. Unha comparecencia que, como lembrou o secretario xeral, Paulo Carril, desenvolveuse “transcorridos xa 7 días desde o asasinato de Teresa dos Santos e 6 días desde que se instou á Xunta de Galiza, a través do presidente da Xunta, da Conselleira de Política Social, o presidente da Federación Galega de Concellos, o xefe territorial da Inspección de Traballo en Galiza e á propia patronal a sentar, de forma urxente, para avaliar o sucedido e deseñar un protocolo de resposta que evite que se repitan situacións tráxicas como a de aquela xornada”.
Carril denunciou que malia isto, “segue sen haber resposta algunha”. Por iso, rexeitou a “falta absoluta de sensibilidade” dos responsables das administracións, porque “seguimos na mesma situación de risco grave e inminente ante a ausencia dunha actuación real dirixida a evitar que se repitan situacións como esta”. Valorou, ademais, que “estamos ante o fracaso deste modelo cruel”, que cualificou como “caótico”, planificado pola Xunta de Galiza, á que acusou de ter feito “deixadez das súas funcións”, transferindo aos concellos as competencias dos SAF, “que son pasto da privatización, da mercantilización e do lucro en base ao maltrato ás traballadoras, convertidas en escravas, mais tamén do maltrato das usuarias”.
Un modelo para o que lembrou que o sindicato propuxo cambios a través dunha ILP presentada xa en novembro de 2020, na que se apostaba por un sistema público galego de atención ás persoas para dignificar, valorizar, e recoñecer o SAF, cun convenio colectivo que “deixase de considerar residual un traballo fundamental, un servizo público imprescindible, máis na sociedade galega, coa cantidade de poboación avellentada e necesitada de atención por ser dependentes”.
Por iso, afirmou que estamos ante “un problema de vontade política por parte da Xunta de Galiza, pero tamén dos concellos”, preguntouse “cantas mortas máis teñen que haber para que alguén faga algo” e emprazou novamente ás administracións a convocar a unha reunión conxunta na que sindicatos, patronal, Inspección de Traballo, Xunta de Galiza e concello “poidamos garantir un protocolo que faga seguro e evite o risco grave inminente ao que están sometidas as mulleres no servizo de axuda ao fogar”.
Dez anos demandando un Protocolo
Na mesma liña, o representante da CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembrou que a central sindical leva demandando desde hai máis de 10 anos ese protocolo para protexer ás traballadoras do SAF. Subliñou o elevado risco que sofren de padecer agresións, non só nos propios domicilios, senón tamén nos traslados dun domicilio a outro. Riscos que considerou que deben ser recollidos nun protocolo de actuación que os preveña e cuxa negociación reclamou á administración autonómica, concellos e patronal, para garantir que as traballadoras poidan desenvolver o traballo coa máxima seguridade posible.
O representante da CIG-Servizos lamentou que non se tiveran escoitado todas as denuncias e advertencias feitas polo sindicato nacionalista, que se converteron “nunha traxedia” o pasado martes en Porriño. “Lonxe de que a Xunta tomara medidas, fixo oídos xordos e aínda que se teñen peticións de reunións desde o día seguinte do acontecido, seguimos agardando a que se nos convoque a unha reunión para que se garanta dunha vez por todas a seguridade das persoas traballadoras do sector da axuda no fogar”, afirmou.
Pérez denunciou ademais as condicións laborais que padecen as traballadoras porque o convenio do sector está sen negociar desde hai máis de 12 anos. “O último rematou no ano 2012, negociado no 2010, e ten unha parte importante en materia de saúde laboral que queremos tratar”, apuntou.
Protocolo marco
Foi Esther Mariño, do Gabinete de Igualdade e Diversidade da CIG, quen explicou que a CIG propón un protocolo marco, independente dos protocolos que se acorden no ámbito de cada servizo en cada concello, e que debería manar da Xunta de Galiza, “asumindo o compromiso e responsabilidade que ten a respecto destes servizos”. Un protocolo que “marque os puntos indispensables que teñen que cumprir absolutamente todos os SAF. Única maneira de que a garantía da protección da saúde das traballadoras en todo o país estea garantida”.
Explicou que para a CIG é indispensable que, previa asignación do servizo, xunto aos Plans Individuais de Atención (PIA), que valoran as necesidades da persoa, “se inclúa unha avaliación inicial de riscos, incluíndo os riscos psicosociais”. Isto permitiría contar cunha primeira fotografía “do risco de posible agresión e o coñecemento do lugar de traballo onde esas persoas van prestar servizo”.
Xunto a isto apuntou, como outra medida indispensable, “que se leve un rexistro de todas as incidencias que se produzan dentro do servizo de axuda no fogar; que dese rexistro se dea traslado tamén aos comités de seguridade e saúde e ás delegadas de prevención de cada servizo e crear algún canle, respectando a Lei de Protección de Datos, para que as traballadoras poidan ter coñecemento de a que se van a enfrontar”.
Esther Mariño explicou que, a día de hoxe, esa información non se traslada e considerou que dese rexistro tamén as administracións públicas deberían levar algún tipo de control, garantindo que esa información tamén se traslade de subcontrata a subcontrata. Nese sentido, explicou que “estamos falando de servizos que van cambiando de empresas, porque están privatizados en case todos os concellos do país e é importante que esa información de cara á protección das traballadoras se vaia transmitindo”.
Prevención e reacción
Paulo Carril explicou que o protocolo proposto pola CIG establece “tres momentos claramente diferenciados: os dous primeiros de carácter preventivo e o terceiro de carácter reactivo”, co obxectivo de protexer as traballadoras ante situacións de violencia. No primeiro momento, previo á entrada da traballadora no domicilio, “ten que se contar cunha avaliación da situación e dos riscos para valorar se estamos ante un risco baixo ou medio, o que levará a que no domicilio haxa dúas auxiliares atendendo ás persoas usuarias”. Considerou, porén, que se o risco é alto “non se pode prestar o servizo, en ningún caso”.
Xunto a isto explicou que “ten que se informar sobre a avaliación do potencial de perigosidade ás traballadoras e que ten que haber un sistema de baremación que permita decidir, en caso de risco grave, a suspensión e interrupción do servizo, sen que a administración galega poida obrigar ou mude esa decisión sobre a protección da persoa traballadora, que é o centro deste protocolo”, matizou.
Un segundo momento sería cando a persoa traballadora entra no domicilio e ten contacto co risco. Aí, explicou que “cada persoa traballadora tería que facer unha avaliación diaria da posibilidade de agresión”. e “no momento en que perciba que a súa integridade física corre o máis mínimo perigo, debe proceder de dous xeitos: ou ben abandonar o entorno hostil ou chamar á persoa coordinadora para poñelo no seu coñecemento”.
Segundo detallou Carril, o protocolo contempla que en calquera momento da prestación do servizo a persoa traballadora pode abandonar por iniciativa propia ese domicilio, se efectivamente, despois de falar coa coordinadora verbalmente e entregando despois unha explicación detallada, percibe que ese risco grave e inminente é real. Desde a coordinación dos servizos, darase conta á administración pública e farase unha avaliación do risco por parte tamén das propias delegadas de prevención que haxa en cada centro de traballo.
O terceiro momento é a actuación en caso de agresión e do que deben ser as medidas reactivas para levalo adiante. “Se chega a materializarse o risco e fallan as medidas preventivas anteriores, entendemos que ten que haber un servizo específico de atención inmediata ás persoas traballadoras do SAF. Un mecanismo de resposta rápida ao que poidan recorrer de forma inmediata, no caso de que haxa unha situación de risco ou de vulneración dos seus dereitos”.
O protocolo prevé, neste caso, que se poida contar cun dispositivo de alarma tipo botón de emerxencia que pon en contacto coa coordinadora da empresa e coas forzas de seguridade e prevé que se poida intervir, garantindo a asistencia sanitaria desa persoa traballadora.
O protocolo, que se adxunta, ten tamén un apartado que é o da xustificación e remuneración das ausencias laborais en situacións de violencia no traballo, ou faltas de puntualidade dunha persoa traballadora por causa de risco grave inminente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario