13 de ago. de 2025

TUI

A gastronomía tradicional conquistará este sábado a rúa Compostela 

  Once asociacións culturais ofrecerán distintas pratos na Festa Gastronómica que comezará ás 20:00h   




Infogauda / Tui

 A nosa gastronomía tradicional conquistará este sábado a rúa Compostela da man de once asociacións culturais tudenses que protagonizarán a XIII Festa Gastronómica. Non faltará a música da man das charangas tudenses A Tu Ritmo e Cantos Somos.   

 O programa festivo comezará a partir das 20 h e se prolongará até as doce da noite agardando a miles de persoas que disfrutarán das elaboracións preparadas polas once asociacións culturais tudenses participantes. Serán Aloia de Pazos de Reis; Cristo da Agonía, de Baldráns; a Banda de Gaitas de Guillarei; Laxes, de Paramos; O Mosteiro, de Pexegueiro; San Roque e San Bartolomeu; San Fins, de Rebordáns; Santa Columba, de Ribadelouro; Seixos Albos, de Areas; Traxe de Tui e Xuntanza de Randufe.  

 Na proposta gastronómica que presentarán non faltarán as empanadas de millo, empanadillas, bocadillos, tortilla, chouripan, xamón asado, pan de queixo, brochetas,  minipizzas, croquetas,  paella, …Como sobremesa non faltarán as tartas de queixo, da avoa, de tres chocolates, marmolada de chocolate, leite fritida, filloas, macedonia, rosquillas, bica, biscoito, chulas de melón, flan,… Os prezos oscilarán entre o 1,50€ e os 4€.  Na XIII Festa Gastronómica non faltará  animación musical a cargo das charangas tudenses A Tu Ritmo, que actuará ás 20:00h e ás 22:00h, e  Cantos Somos, ás 21:00 e ás 23:00 h, respectivamente.  

 A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, agradecía a colaboración das asociacións culturais participantes na festa xa que “sen eles isto non sería posible”. Convidaba Sonsoles Vicente a asistir e disfrutar deste evento que, dicía, “tamén forma parte do ADN do noso municipio porque está vinculado á natureza,  ao río, ao deporte, a nosa tradición, aos nosos centros culturais, a nosa cultura”. Lembraba a concelleira que a xornada festiva comezará xa ao mediodía na ribeira de Caldelas coa Romaría Popular e continuará coa celebración dos Descensos Popular e Internacional, e culminar coa Festa Gastronómica.  

Restricións de circulación e aparcamento   

 Debido á celebración da XIII Festa Gastronómica haberá restricións de tráfico na rúa Compostela.  

 Así dende mañá xoves, 14 de agosto ás 8:00 e até este domingo 17 ás 8:00h  non se poderá estacionar no tramo da rúa Compostela comprendido entre as rúas Ourense e Betanzos.  Amais o sábado dende ás 8:00h e até o domingo ás 8:00h pecharase o tráfico e tamén ao aparcamento tanto este tramo da Compostela coma a rúa Mondoñedo no tramo entre as rúas Lugo e Irmáns Maristas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario