Tomiño segue mellorando o saneamento coa ampliación da rede en Carregal
• O Concello continúa avanzando na cobertura do saneamento municipal cun investimento superior a 420.000 euros que permitirá incorporar 84 novas vivendas á rede
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño segue apostando pola mellora das infraestruturas básicas coa ampliación da rede de saneamento na zona de Carregal. Esta semana, nun encontro coa veciñanza, presentouse o proxecto e explicáronse os aspectos clave dunha actuación esencial para mellorar a calidade de vida da cidadanía e ampliar a cobertura do servizo.
A intervención contempla a instalación de 2.268 metros de colectores e permitirá dotar de servizo a 84 novas vivendas, cun investimento total de 421.773,73 euros e un prazo de execución estimado de cinco meses. A obra foi adxudicada á empresa Oresa Construcciones y Servicios Globales, e a dirección técnica correrá a cargo de Aquatica Ingeniería Civil S.L.
Nos últimos anos e desde a chegada do actual equipo de goberno, a rede municipal de saneamento experimentou un notable crecemento, pasando dos 32 quilómetros iniciais a un total de 117 quilómetros en 2025. Este aumento de 85 quilómetros en infraestrutura permite conectar xa 4.136 edificacións, cubrindo o 60% do territorio municipal.
Durante o encontro, tamén se explicou á veciñanza o funcionamento e os custos das acometidas. As obras dentro da parcela son responsabilidade da propiedade, mentres que o tramo desde o límite da parcela ata a arqueta de conexión será realizado por Aqualia cun custo de 506,39 euros (IVE incluído), se se executa durante as obras. Unha vez finalizados os traballos, aplicarase a tarifa vixente. Ademais, os dereitos de conexión, cun importe de 210,35 euros, deberán ser abonados no Concello.
O Concello mantén firme o seu compromiso coa ampliación da rede de saneamento en todas aquelas zonas onde existen colectores secundarios que permiten a conexión coa depuradora. Para as áreas do municipio que aínda non dispoñen de acceso á depuradora, está en marcha un plan de saneamento alternativo ao sistema tradicional, co obxectivo de garantir un servizo eficaz e respectuoso co medio ambiente para toda a poboación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario