19 de ago. de 2025

O ROSAL

O Rosal acollerá a 34ª edición do Festival Músicos Xoves 

  O vindeiro sábado, 23 de agosto, ás 20:30 horas, na praza do Calvario  




Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para vivir unha nova cita coa música de banda. O vindeiro 23 de agosto ás 20:30 horas, a praza do Calvario converterase no escenario da 34ª edición do Festival Músicos Xoves, un evento xa consolidado como unha das referencias do panorama bandístico en Galicia e que cada ano atrae a numerosos amantes da música.  

 Nesta ocasión, a Agrupación Musical do Rosal (AMDOR) contará coa presenza de dúas formacións convidadas que engalanan o cartel: a Sociedad Musical Banda Lanhelense (Caminha, Portugal) e a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. Un encontro transfronteirizo que promete unha noite inesquecible de amizade e intercambio musical.  

 O director da AMDOR, Javier Alonso Pérez, destacou que “nesta ocasión a nosa banda ofrecerá a esixente obra Libertadores, de Óscar Navarro, unha composición de gran dificultade interpretativa pero sempre moi agradecida para o público, que seguro desfrutará da súa forza e intensidade”.  

 “É unha excelente oportunidade para todos os amantes da música de banda, que poderán desfrutar de tres agrupacións que destacan polo seu nivel e pola súa traxectoria”, sinalan desde a organización, agradecendo ás bandas convidadas a súa participación e facendo un chamamento á veciñanza e visitantes para compartir esta celebración.  

 A praza do Calvario, epicentro cultural do Rosal, volverá así a acoller un gran evento neste verán, despois do multitudinario concerto de The Rapants e da exhibición do piloto Gabriel Marcelli o pasado 15 de agosto.  

 Con este festival, AMDOR segue a escribir novas páxinas na súa longa historia musical, mantendo vivo o espírito de colaboración e amizade que caracteriza á música de banda.  

Datos do festival: 

Sábado, 23 de agosto de 2025 

20:30 horas 

Praza do Calvario (O Rosal)

Ningún comentario:

Publicar un comentario