19 de ago. de 2025

A GUARDA

A xestión das fincas é clave para a prevención de incendios e a protección de núcleos urbanos  

O Concello de A Guarda quere recordar a importancia da boa xestión das fincas como medidas de prevención de incendios 

 



Infogauda / A Guarda 

 Na tarde deste martes, 19 de agosto de 2025, o Concello de A Guarda fixo pública á seguinte nota:

 «Esta última semana catro persoas, entre voluntarios e bombeiros, perderon a vida ante a vaga de incendios que está a sufrir España e Galicia. Na nosa comunidade arderon preto de 70.000 ha, causando feridos e arrasando aldeas e paisaxes únicas.   

 Desde o Concello da Guarda, mandamos o noso pésame ás familias dos falecidos e todo o noso apoio e ánimo a quen loita contra estes incendios día e noite arriscando a súa vida.  

 Ante o conato de incendio orixinado na tarde de onte na zona de Pancenteo, recordamos que A Guarda continúa en risco de incendios alto e que en caso de detectar algún incendio débese chamar ao 085 ou o 112.   

 Ademais, lembramos a importancia de que os propietarios xestionen as súas fincas de forma adecuada, sobre todo, antes da chegada do verán, xa que supoñen unha barreira para a propagación dos lumes e para a protección dos núcleos urbanos.  

 Do mesmo xeito, agradecemos a colaboración de todos aqueles que participaron este inverno no programa Escudo Frondoso, promovido polo Concello, grazas ao cal se plantaron máis de 850 árbores autóctonas nas parcelas que se atopan na faixa de prevención de incendios»

Ningún comentario:

Publicar un comentario