15 de ago. de 2025

O ROSAL

O Rosal presenta unha semana cultural con música e actividades para todos os públicos  

   Do 18 ao 23 de agosto, o Concello ofrecerá música para todos os gustos: Camera Fest con Fernando Raña, Katrina Penman e Rasa Biveiniene; homenaxe a Sabina; concerto de Roberto Caco e Festival dos Músicos Xoves  

 



Infogauda / O Rosal 

 As actividades comezan o luns 18 de agosto co Camera Fest, que traerá á igrexa de Santa Mariña un concerto monográfico protagonizado polo recoñecido flautista Fernando Raña, acompañado pola compositora e frautista Katrina Penman e a pianista Rasa Biveiniene. Esta actuación de balde, que dará comezo ás 21:00 horas, inclúe ademais unha clase maxistral para toda a familia frautística os días 17 e 18, converténdose nunha cita imprescindible para os amantes da música clásica.




 A programación continuará o martes 19 coa tradicional cita dos Tardeos na Praza, que nesta ocasión renderán homenaxe ao cantautor español Joaquín Sabina. Será xustamente na praza do Calvario, ás 21:00 horas, onde se poderá escoitar un repertorio inspirado na obra deste emblemático artista. 

 Xa o xoves 21, ás 21:00 horas será o turno do músico local Roberto Caco, líder do grupo de rock “QuédeQué”, que animará a tarde na praza do Calvario cun concerto. Traerá un amplo repertorio que abarca varios estilos musicais, garantindo unha noite animada para todos os públicos. 




 Xa para rematar ben a semana, o sábado 23 de agosto a praza do Calvario converterase no escenario do Festival dos Músicos Xoves, unha oportunidade para escoitar e apoiar aos novos talentos locais no marco do ciclo Cámara Fest. 

 Con esta ampla programación, o Concello do Rosal reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura local e o fomento da participación cidadá, ofertando unha ampla variedade de propostas que buscan chegar a todos os públicos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario