14 de ago. de 2025

A CORUÑA

O venres 15 do Viñetas desde o Atlántico combina encontros profesionais, propostas infantís e sinaturas con destacados autores 

 Revisión de portafolios, obradoiros, charlas e o concerto gráfico de Víctor Coyote protagonizan a xornada 


Laura Suárez e Sandra Lodi, no Festival Internacional da Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico
Foto: Cedida

Infogauda / A Coruña 

 O Festival Internacional da Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico afronta este venres 15 de agosto unha xornada que combina actividades profesionais, propostas para público infantil, charlas especializadas e unha nova sesión de sinaturas con grandes nomes da banda deseñada.  

 A mañá comezará ás 10:00 horas no Circo de Artesáns cunha revisión de portafolios por editores (con inscrición previa), unha cita especialmente pensada para creadores e creadoras que queiran recibir orientación profesional. Ás 12:00 horas, a Sala Palexco acollerá o obradoiro infantil «Astro-Rato», impartido por Fermín Solís (inscrición previa), e ás 12:30 horas a Carpa RúaBD será escenario dun encontro con Dave Cooper, que se desenvolverá en inglés e sen intérprete.  

 Pola tarde, ás 17:00 horas, a carpa da RúaBD acollerá unha nova sesión de sinaturas con Magius, Clara e Olivia Cábez, Fermín Solís, Miguel B. Núñez, Víctor Coyote, Carlos Azagra e Encarna Revuelta. 

 Ás 18:30 horas, Sandra Hernández ofrecerá a charla Cómic: unha cuestión de sintaxe gráfica (en colaboración con Bang & Mamut) e, ás 19:30 horas, Manuel Veiga falará sobre Atlántida: mito, historia e ficción (en colaboración con Serendipia Editorial). 

 A xornada pecharase ás 21:00 horas no Teatro Colón co concerto gráfico de Víctor Coyote, unha proposta que mestura música en directo e ilustración en vivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario