Tomiño súbese á montaña rusa do humor con Antuán de la Cream
• O Pequeverán continúa esta semana cun espectáculo cheo de risas e emocións o xoves, 17 de xullo, ás 19.30 horas na praza da Mina
Infogauda / Tomiño
Se existise unha montaña rusa da risa, sen dúbida levaría o nome de Antuán de la Cream. O pallaso chega este xoves 17 de xullo a Tomiño para facer do Pequeverán unha auténtica festa do humor e das emocións cunha actuación de balde para todos os públicos a partir das 19.30 h na praza da Mina.
O espectáculo presentará un percorrido hilarante ao máis puro estilo clown, no que o artista transitará dende a serenidade ata o nerviosismo máis disparatado, enchendo de gargalladas cada recuncho da praza. Cunha naturalidade e un saleiro que conectan de inmediato coa xente, este carismático personaxe fai da improvisación e da súa paixón por meterse en leas o eixo central dun show que convirte a resolución dos problemas no momento máis triunfal da noite.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “o Pequeverán é unha das nosas citas máis queridas do verán, coa que buscamos ofrecer ás familias tomiñesas e visitantes propostas culturais diferentes, divertidas e de calidade, feitas para compartir e gozar xuntos e xuntas na rúa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario