14 de xul. de 2025

A GUARDA

Xogos, obradoiros, deporte e natureza, no campamento de verán de A Guarda  

O campamento de verán do Concello é a opción para conciliar durante o verán para 60 familias  


As monitoras e participantes no campamento de verán, na Casa dos Alonso, visitando a exposición de Genaro Alonso Martínez
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda  

 O pasado 1 de xullo comezou o campamento de verán organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de A Guarda. En total, 60 nenos/as de 4 a 12 anos están a desfrutar de actividades de todo tipo pola nosa vila.  

 Realizaron diversas excursións: á praia, aproveitando o bo tempo dos días de verán, á Casa dos Alonso, para asistir ás exposicións, ou á fortaleza de Santa Cruz. O campamento estase a desenvolver nas instalacións do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, onde os participantes teñen obradoiros de cociña, de manualidades, xogos de auga, xogos de mesa e actividades físicas.  

 “Estamos encantados con estas instalacións, pois temos moitos espazos para diferentes actividades e grupos e, ademais, queda moi céntrico para as distintas excursións e saídas pola Guarda”, explica Isabel Urgal, a coordinadora do campamento.  

 A semana pasada puidemos comprobar como os nenos e nenas de A Guarda están pasando as mañás no campamento de verán. “Os nenos e nenas están a pasalo moi ben neste campamento e, sobre todo, é a opción de conciliación para 60 familias, tras máis de 120 solicitudes”, afirma o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario