22 de xul. de 2025

PONTEVEDRA

Luis López confirma que a Deputación de Pontevedra impulsará cinco proxectos de eficiencia enerxética en 38 concellos cunha mobilización de 4,26 millóns de euros 

 O presidente pon en valor que “o traballo conxunto entre a Deputación e, sobre todo, os concellos situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións que sitúan a esta provincia como pioneira en eficiencia enerxética” 


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu unha xuntanza cos 38 concellos beneficiarios de cinco proxectos de eficiencia enerxética
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu unha xuntanza cos 38 concellos beneficiarios de cinco proxectos de eficiencia enerxética que mobilizarán ata 4,26 millóns de euros e consistirán na instalación de paneis fotovoltaicos. “O traballo conxunto entre a Deputación e, sobre todo, os concellos –remarcou o presidente- situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións que sitúan a esta provincia como pioneira en eficiencia enerxética”.  

 López, quen enxalzou o traballo desenvolvido desde finais de 2024 entre o organismo provincial e os 38 concellos para conseguir captar os recursos de Europa, detallou que dos 4,26 millóns de euros que se van mobilizar na provincia, 2,42 millóns proveñen do IDAE, preto dun millón da Deputación e máis de 900.000 euros dos concellos. Con estes recursos, tal e como informou o presidente, instalaranse “paneis fotovoltaicos que suporán un aforro estimado anual de 663.000 euros e permitirán reducir as emisións de CO2 e seguir avanzando na construción dunha provincia máis eficiente”.  

 O presidente aproveitou a ocasión para felicitar o papel desenvolvido polo deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, e o equipo técnico do servizo de Cooperación para coordinar e conseguir os recursos e manifestou a vontade de seguir mantendo unha estreita colaboración cos concellos para materializar os proxectos. “Os prazos son os que son –asegurou López- e, se non temos prórroga, están fixados no 31 de marzo do 2026 polo que vos pido un esforzo para ter os deberes feitos. Pola nosa parte, imos asumir directamente a realización do proxecto e a facilitar cuestións relativas ao cofinanciamento”. Tamén reiterou o compromiso do goberno provincial para “seguir artellando, da man vosa, proxectos e concorrendo a iniciativas para captar fondos e facer desta unha provincia máis extraordinaria, máis sostible e con máis futuro e oportunidades para todas e todos”.  

 En liñas xerais, a mobilización destes 4,26 millóns de euros centrarase nos concellos de Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, Fornelos de Montes, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Ponte Caldelas, Poio, O Porriño, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces  e Vilanova de Arousa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario