Ángeles Vázquez pon as árbores senlleiras da casa-museo Rosalía de Castro como exemplo de conservación de exemplares de alto valor histórico e cultural
A Camelia de Rosalía e o Loureiro dos Poetas súmanse á figueira que xa estaba catalogada como exemplar senlleiro de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou os novos exemplares incorporados ao Catálogo galego de árbores senlleiras
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nun momento da súa visita ao xardín da casa-museo de Rosalía de Castro
Foto: X.G.
Infogauda / Padrón (A Coruña)
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou hoxe que as tres árbores senlleiras coas que conta o xardín da casa-museo Rosalía de Castro son un exemplo de conservación de exemplares cunha alta significación histórica e cultural.
Durante a visita que realizou hoxe á institución, a conselleira lembrou que a pasada semana se incorporaron ao Catálogo galego de árbores e formación senlleiras dous exemplares que se localizan nese xardín e que se suman á figueira de Rosalía, que xa estaba incluído
Un deles é a Camelia de Rosalía, un exemplar de Camellia reticulata Lindl x Camellia japonica L, que ten como principal distinción o feito de que se creou na memoria da poetisa. En concreto, segundo explicou Ángeles Vázquez, o afamado viveiro portugués Moreira da Silva e Fillos regalou o primeiro exemplar á Fundación Rosalía de Castro no ano 1968. Esta camelia destaca pola súa floración prolongada, entre novembro e abril, con vistosas flores vermello-alaranxadas. Ademais cómpre lembrar que o xardín da Casa de Rosalía forma parte da Ruta da Camelia pola abundancia e variedade de exemplares desta especie.
O outro exemplar que pasa a formar parte do Catálogo de árbores senlleiras é o Loureiro dos Poetas (Laurus Nobilis L), que ten unha grande importancia histórica ao ser herdeiro do loureiro ante o que se fixo unha das fotografías máis recoñecidas de Rosalía coa súa familia no ano 1884.
Cómpre lembrar que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este inventario de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a incorporación de exemplares con valores salientables. Na actualidade, o Catálogo galego de árbores senlleiras suma xa un total de 204 elementos (156 exemplares e 48 formacións arbóreas) pertencentes a 84 especies diferentes.
No catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.
A maiores, a Xunta convoca cada ano axudas para actuacións de mellora, conservación e divulgación deste patrimonio natural. Son dúas ordes, das que unha está dirixida a concellos ou agrupacións locais que sexan titulares dalgún destes elementos; e a outra, a persoas físicas ou xurídicas propietarias dunha árbore ou formación senlleira.
Entre as intervencións subvencionables cómpre salientar a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario