11 de xul. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN

Fabio Lima desvincúlase do Guardés despois de dez tempadas 

O técnico rosaleiro abandona o seu cargo como coordinador da base do Club despois de tres anos 

A vindeira tempada tampouco adestrará a ningún equipo guardés das categorías inferiores, polo que, aínda que non descarta volver facelo nun futuro, porá fin así a unha relación de dez anos coa entidade miñota 

Lima comezou o seu camiño co Guardés na tempada 2016/2017, entrando coma preparador físico do equipo de División de Honra no mesmo ano no que este conquistou a Liga 


 Fabio Lima con xogadoras da base do Mecalia Atlético Guardés
Foto: M.A.G. (Arquivo)

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés e Fabio Lima separan os seus camiños. O técnico rosaleiro abandonará a vindeira tempada o seu papel como coordinador da base do Club e tampouco adestrará a ningún dos seus equipos, poñendo fin así a unha relación que comezou en 2016. Con todo, el mesmo indica que a súa intención non é deixar o balonmán, polo que tampouco descarta continuar o seu labor coma adestrador no seo doutro equipo ou mesmo volver ao club miñoto no futuro.  

 Lima incorporouse ao Guardés a tempada 2016/2017 para exercer de preparador físico no corpo técnico de José Ignacio Prades no mesmo ano no que o equipo de División de Honra rematou por conquistar o título ligueiro. Mantivo ese posto durante tres tempadas, momento a partir do que pasou a ser adestrador da base do Club ata o presente. No curso que vén de pecharse actuou como técnico principal do equipo xuvenil feminino, se ben foi invitado no corpo técnico de practicamente tódolos conxuntos da base, aportando igualmente á súa preparación da man da primeira adestradora María Doiro. 

 Ademais, dende a tempada 2022/2023, ao seu papel como técnico na infancia e mocidade do Guardés sumouse o cargo de coordinador, polo que nos últimos anos Lima foi o máximo responsable da estrutura da base do Guardés. A través desta figura implantou unha metodoloxía de traballo común a tódolos conxuntos e tomou outras medidas coma a creación de novos equipos, coma o biberón actual, destinados á integración temperá dos nenos e nenas no deporte e ao seu desenvolvemento psicomotriz. Hai dous anos, por último, conseguiuse recuperar o extinto conxunto na categoría sénior territorial, a de maior idade da base, que na súa curta vida colleitou xa grandes logros ademais de poder nutrir ao equipo de División de Honra con xogadoras de reforzo cando é preciso. 

 Toda unha serie de actuacións que contribuíron activamente ao crecemento e evolución recentes das xuventudes do equipo miñoto. O curso que vén de pecharse, sen ir máis lonxe, foi histórico para os nenos e nenas do Club, con resultados tan destacables coma a chegada a cadansúas Final Four por unha praza nos sectores nacionais dos catro conxuntos principais da base (infantil, cadete, xuvenil e sénior territorial). 

 Pero despois de tres anos, Fabio decidiu non continuar ao mando da coordinación da base. E, en busca de novos retos deportivos, tampouco adestrará a próxima tempada a ningún dos seus equipos, polo que o vindeiro curso porá fin a un camiño de dez anos no Mecalia Atlético Guardés no que, sen dúbida, deixou unha notable pegada. Con todo, o rosaleiro non entende esta despedida coma unha retirada definitiva do balonmán, senón que manifestou a súa intención de seguir adestrando no seo doutro equipo que lle ofreza novos retos, do mesmo xeito en que tampouco descarta volver exercer como técnico na base miñota no futuro. 

 O Club Balonmán Atlético Guardés agradece a Fabio Lima por estes anos de traballo e compromiso e deséxalle todo o mellor tanto a nivel persoal coma deportivo nos seus proxectos futuros. Grazas por todo, Fabio!

Ningún comentario:

Publicar un comentario