11 de xul. de 2025

A GUARDA

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC) de A Guarda denuncia a actuación arbitraria do garda de patrimonio no Monte Santa Trega 

 E a falta de resposta institucional fronte a problemas reais no BIC





Imaxes fotográficas tiradas pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda (indicando data, hora, coordenadas e altitude), de varios impactos constatados en terreos da súa titularidade
Bandeira co logotipo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda, izada no mastro do pico do Facho, no  Monte Santa Trega



Infogauda / A Guarda

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC) de A Guarda vén de facer pública a seguinte nota de prensa: 

«A CMMVVMC de A Guarda denuncia a actuación arbitraria do garda de patrimonio no Monte Santa Trega e a falta de resposta institucional fronte a problemas reais no BIC

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC) de A Guarda manifesta a súa firme oposición á denuncia presentada polo garda de patrimonio cultural do Monte Santa Trega con data 5 de xuño de 2025, que deu lugar a unha dilixencia informativa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

 A denuncia refírese á celebración dun acto solidario co pobo palestino co izado dunha bandeira no mastro do Facho, situado en terreo comunal. Esta actuación foi autorizada expresamente pola Xunta Reitora da CMMVVMC, mediante resolución do 2 de xuño de 2025, e desenvolveuse dentro dos límites legais e patrimoniais: foi un acto simbólico, non partidista, temporal e sen impacto sobre o Ben de Interese Cultural (BIC), conforme á Lei 5/2016 do patrimonio cultural.

 A autorización establecía ademais a retirada obrigatoria da bandeira, recoñecía que a colocación inicial sen permiso fora indebida, e prohibía expresamente calquera uso político, condicións que foron cumpridas na súa totalidade polo colectivo organizador do acto.

 A denuncia presentada polo garda de patrimonio contén afirmacións inexactas e gravemente tendenciosas referíndose por exemplo a que “isto ía acabar mal”, afirmación que é absolutamente irresponsable e carece de fundamento algún pois as relacións entre o Concello de A Guarda e a CMMVVMC de A Guarda están plenamente normalizadas e gozan dun espírito colaborativo. Asemade, a denuncia do garda contén carencias de fundamento, contradicións e aplicación selectiva da normativa silenciando que o mesmo mastro foi empregado repetidamente polo Concello da Guarda durante anos para colocar bandeiras, sen que se solicitaran autorizacións nin se abrira expediente ningún por parte do denunciante.

Omisión das administracións fronte aos problemas reais no monte

 Resulta aínda máis grave que se actúe con dilixencia fronte a un acto simbólico e autorizado, mentres se ignoran problemas estruturais e denunciados reiteradamente no mesmo espazo protexido.

 Desde o ano 2020, a Comunidade de Montes vén alertando e denunciando o estado de abandono dos postes de telecomunicacións no monte, que si representan un risco para o patrimonio e para os visitantes.

 Estas denuncias foron dirixidas, en diferentes momentos, a: Telefónica e Seteleco, como responsables materiais, SEPRONA, por posible neglixencia ambiental, Concello da Guarda e, especialmente, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, a quen se lle enviou unha denuncia formal o 5 de marzo de 2025 (rexistrada a través do procedemento PR004A).

 Con todo e a pesar da gravidade das advertencias, non se recibiu resposta ningunha nin se realizou intervención algunha por parte da Xunta ou das autoridades competentes. A inacción contrasta coa rapidez coa que se tramita agora unha dilixencia contra un acto simbólico e regulado.

A CMMVVMC pide obxectividade e coherencia na protección do patrimonio

 Desde a CMMVVMC esiximos que a normativa de protección do patrimonio cultural se aplique con criterios técnicos, obxectivos e coherentes, e non de forma arbitraria ou dirixida contra determinadas entidades. Non se pode empregar a lei de forma selectiva segundo quen actúe ou que bandeira se coloque.

 Por todo o anterior, o pasado 3 de xullo a CMMVVMC solicitou solicitou á Dirección Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Pontevedra o arquivo inmediato do expediente informativo por carecer de fundamento, solicitando a activación efectiva das administracións públicas fronte aos problemas reais do monte e defendendo dun modelo de xestión veciñal transparente, legal e comprometido co ben común».

Ningún comentario:

Publicar un comentario