O GOBERNO DE CARRERO VOTA EN CONTRA DA LIMPEZA E DESINFECCIÓN DOS COLECTORES DO LIXO E DA REPOSICIÓN DE PAPELEIRAS
Bea Lomba (BNG): “O goberno de Carrero e Fariñas nin é capaz de planificar algo nin de escoitar as demandas da sociedade”
Grupo municipal do BNG / A Guarda
No pleno celebrado no día de onte no Concello da Guarda o grupo de goberno do PP de Roberto Carrero e Fariñas votaron en contra da moción presentada polo BNG onde se demandaba que o concello cumpra a lei vixente en materia de residuos urbanos, proceda a limpeza e desinfección dos colectores de lixo e a reposición das papeleiras eliminadas.
Lembremos que na Guarda, non se cumpre coa recollida separada de bioresiduos, nin tampouco se adaptou a ordenanza como exixe a lei. “Esta neglixencia vai carrexar sancións económicas que acabarán repercutindo nos recibos da veciñanza como non se lle poña solución en breve” sinalou Bea Lomba, concelleira do BNG encargada de defender a moción nacionalista.
“Son incapaces de cumprir a lexislación vixente, pero o desinterese é de tal calibre que son incompetentes tamén para levar a xestión máis básica e de escoitar as demandas da sociedade guardesa” salienta a nacionalista. Os colectores do lixo desprenden cheiros todo o ano. O chegar o verán os cheiros vólvense insoportábeis en moitas zonas da localidade e contribúen a dar unha imaxe de desleixo que se debería evitar.
Roberto Carrero e o seu grupo tamén se negaron a repoñer as papeleiras que retiraran.
O BNG da Guarda lamenta a desidia, falta de interese e incapacidade do alcalde e deste goberno para corrixir estes problemas e anuncia que continuarán defendendo estas reclamacións elementais da sociedade guardesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario