A Rosegha pecha a súa segunda edición cun emotivo homenaxe ás gameliñas e coa mirada posta no ano que vén
• “A Rosegha naceu para honrar o que fomos e para seguir sendo mar. Non é só unha festa: é unha forma de lembrar quen somos e onde pertencemos”, sinalan desde a Asociación Piueiro, organizadora do evento
Mar Bermúdez / A Guarda
Durante toda a fin de semana, as actividades foron continuas e a participación, entusiasta. As saídas a bordo do Piueiro esgotaron todas as prazas, e as maquetas de embarcacións -remolcadores, barcos de guerra, pesqueiros ou de vela tradicional- sorprenderon pola súa calidade e coidado.
A navegación de maquetas na piscina habilitada no porto, incluídas as navegacións nocturnas, convertéronse nun dos grandes atractivos desta edición. A luz e o reflexo das embarcacións na auga crearon un ambiente máxico que cativou tanto ao público infantil como ao adulto.
Os obradoiros para a rapazada, como os de navoas e barcos de lata, tiveron unha acollida extraordinaria, cunha participación constante durante toda a fin de semana. A proposta demostrou unha vez máis a capacidade da Rosegha para achegar a cultura mariñeira ás novas xeracións desde o xogo e a creatividade.
Desde a Asociación Piueiro subliñan o “orgullo compartido e o apoio unánime” que fixo posible o éxito da Rosegha, e agradecen especialmente a colaboración dos veciños e veciñas e do Concello da Guarda, así como o apoio da Deputación de Pontevedra, que foron claves para a consolidación do proxecto.
“A Rosegha naceu para honrar o que fomos e para seguir sendo mar. Non é só unha festa: é unha forma de lembrar quen somos e onde pertencemos”, sinalan desde a organización.
A celebración remata hoxe, pero a emoción queda, e a asociación xa pensa no futuro: o ano que vén volverán navegar no mar da Guarda as embarcacións tradicionais e na piscina improvisada a mostra de maquetas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario