17 de xuño de 2025

VIGO

CONCENTRACIÓN EN VIGO POLO FEMINICIO NA CORUÑA

 Este martes, día 17 de xuño de 2025, ás 20:00h, diante do museo Marco, na cidade de Vigo




Resposta Feminista / Vigo

 A plataforma RESPOSTA FEMINISTA, as que miran lilá, convoca a toda a cidadanía a asistir a CONCENTRACIÓN convocada para este martes, día 17 de xuño de 2025 ás 20:00 diante do museo Marco, na cidade de Vigo para dar unha resposta contra un novo feminicio na Galiza, o terceiro confirmado neste ano, esta vez, polo brutal asasinato de Maritza que xa figuraba no sistema VioXén e constaba unha denuncia contra o presunto agresor.  

 A este desgarrador feminicidio acontecido na Coruña, engadimos o caso recente de violencia machista que ocorreu en Vigo, tamén o pasado domingo: Unha muller foi vítima dun intento de homicidio que tivo lugar a mans da súa parella. Neste intento de feminicidio, o perpetrador machista atacou reiteradas veces cun coitelo, deixando á muller abandonada no chan, malferida de gravidade, e tendo que ser trasladada ao hospital máis próximo.    

 Activamos, unha vez máis o protocolo galego de resposta ante os feminicidios convocando en Vigo e sumándonos a unha voz colectiva que convocará a milleiros de persoas en diferentes lugares da Galiza contra esta lacra.  

 Estamos fartas. Cada feminicidio é unha ferida aberta que demostra que as políticas actuais non chegan, que a igualdade non é unha prioridade real para quen ten o poder de cambiar as cousas.  

 Berraremos ben alto esixindo responsabilidades:   

 - A quen recorta en prevención e en recursos contra a violencia machista. 

 - A quen non inviste na investigación da violencia machista para así mellorar os protocolos de actuación e prácticas de detección e prevención.  

 - A quen desmantela servizos públicos que salvan vidas.  

 - A quen desde o poder nega ou minimiza a violencia de xénero.  

 - A quen cala ante as violencias cotiás que sufrimos, especialmente no rural, onde o illamento, o silencio e a falta de recursos fan aínda máis difícil pedir axuda.  

 Querémonos libres. Querémonos vivas. Nin unha menos.  

 Contra a violencia machista, RESPOSTA FEMINISTA!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario