16 de xuño de 2025

A GUARDA

A Festa do Santísimo deste domingo encherá as rúas guardesas de alfombras florais   

Máis de 700 metros de tapices vexetais e de sal, repartiranse por diferentes rúas da vila  


Vista da alfombra realizada en 2024, na praza do Reló
Fotos: Infogauda

Infogauda / A Guarda 

 A vila de A Guarda vivirá este domingo, 22 de xuño, o Día do Señor, unha data moi especial, na que as súas rúas encheranse de cor e de beleza grazas ao traballo que moitas persoas - maioritariamente mulleres - adican ás alfombras florais. Desde hai semanas, parte da veciñanza e asociacións están traballando en preparativos para os tapices florais.  

 Na madrugada do sábado para o domingo, a partir das 5:00h comezará a elaboración das alfombras florais que se prolongarán ata primeiras horas do domingo pola mañá. Agárdase que ás 12:00h do mediodía todas as alfombras estean listas para ser visitadas.  

 Para poder desfrutar máis da súa beleza, a misa celebrarase ás 17:30h, e ao rematar a eucaristía, sobre as 18:30h, arrancará a procesión desde a praza da igrexa. Estímanse que uns 700m das rúas da Guarda estarán cubertas por estas alfombras florais tan especiais.  

 A procesión dirixirase da igrexa parroquial de Santa María á praza do Reló, para pasar pola rúas Ignacio Sobrino e Oliva, e seguir por Hernán Cortés. Alí baixarán polas escaleiras da praza José María Lomba - tamén coñecida popularmente como O Terrado - para continuar pola rúa Malteses e Concepción Arenal ata a rúa Brasilino Álvarez Sobrino, e así continuar deica á igrexa parroquial.  


Vista do 1º tramo de tapices florais na rúa Concepción Arenal
Vista do 2º tramo de tapices florais na rúa Concepción Arenal
Vista do 3º tramo de tapices florais na rúa Concepción Arenal



 Cada ano, os deseños das alfombras sorprenden a veciños e visitantes, con temáticas diversas: etnográficas, ornamentais, relixiosas ou sociais. O traballo da execución dos tapices florais comeza á noite, con moitos nenos/as - guiados por persoas adultas - debuxando no chán as figuras que logo perfilarán, e posteriormente, cubrirán de follas de arbustos (buxo, mimosas, mirto,...), bagas (de xesta, eucalipto,...), carozos de millo, plantas (flores de árnica, follas de fiuncho,...), palla de centeo ou de trigo, pétalos de flores (caraveis,  carrascas, hortensias, pampillos, rosas,...), labras de madeira, sal mariña, serrín tinguido, tuia, .... 

 Grazas á Asociación Cultural Alfombras da Guarda, así como a outra nova asociación - Follas Novas, creada posteriormente, ainda que integrada por persoas con moitos anos de experiencia - esta tradición continúa e mantense.  


Alfombra de sal mariña, realizada en 2024, no antgigo varadoiro da Ribeira

 Unha das alfombras que máis chama sempre a atención é a tradicional alfombra de sal tinguida de cores, que úne a rúa Malteses, co antigo varadoiro da Ribeira e o comezo da rúa Concepción Arenal, desfrutando dunha vista inigualable do porto de A Guarda.  

 Para a elaboración das alfombras florais as rúas da Guarda contarán con cortes de tráfico a partir da noite do sábado 21 ata a tardiña do domingo 22, polo que desde o Concello de A Guarda pregan á veciñanza e visitantes, colaboración e comprensión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario