O PP DE TUI REVELA QUE A REFORMA DA PISCINA TIÑA UN 100% DE ACHEGA DA DEPUTACIÓN EN 2022, SEN PRECISAR DUN PECHE NO VERÁN, E ESIXE RESPONSABILIDADES POLÍTICAS AO ALCALDE
• Os populares revelan que no ano 2022 Tui tiña asignados 322.828,05 euros do organismo provincial para executar esta actuación a custo cero, sen impacto para as arcas municipais e cunha previsión de execución posterior ao verán, o que permitiría a reapertura antes de xullo de 2023.
• “Estamos ante unha xestión nefasta que non pode quedar sen consecuencias, xa que estaba todo feito, incluso culminada a contratación, e desbotouse mentres que agora estaremos todo o verán sen piscinas”, advirte Nico Montes
Infogauda / Tui
O grupo municipal do PP de Tui vén de denunciar a “neglixente xestión” do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do goberno socialista no proxecto de reforma das piscinas municipais, que actualmente está en marcha e que van permanecer clausuradas durante todo o verán cos conseguintes prexuízos para os veciños.
Os populares revelaron que “no ano 2022 Tui tiña asignados 322.828,05 euros ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para executar esta actuación, o que supoñía que non tería ningún custe para as arcas municipais e ademais as obras estaban programadas para despois de verán, e dado o seu prazo duns oito meses, podería reabrir antes de xullo de 2023.
Hoxe, tres anos despois, o Concello executa a mesma obra cun orzamento de 349.989 euros, dos que están subvencionados cunha achega insuficiente do Goberno de España de só 188.598, sendo o resto asumido con fondos propios mediante un crédito extraordinario, e cuns prazos de execución moi apretados que obrigan a pechar as piscinas durante o verán”.
“É unha mostra clamorosa de mala xestión: perdemos unha oportunidade única de facer esta obra sen coste e sen impacto, e acabamos pagando máis de 160.000 euros e pechando as piscinas durante os únicos meses nos que se utilizan”, denuncia o voceiro do PP, Nico Montes.
Por todo elo, desde o PP tudense queren que o rexedor e o goberno socialista dean explicacións pola renuncia do proxecto de hai tres anos e, chegado o caso, que se depuren as responsabilidades políticas “porque se non había outra maneira de facela, pois ata se podería entender, pero dado que houbo unha oportunidade clara non pode ser que, por un capricho, esteamos todo o verán sen as piscinas”.
Desde o PP tamén lembran que o peche da instalación non só afecta aos usuarios habituais, senón que obriga a reorganizar por completo os campamentos de verán que contaban coa piscina como parte esencial das súas actividades. “Falamos de centos de nenos e nenas que este ano quedarán sen esta alternativa de lecer e convivencia. Todo por unha decisión política desacertada que non ten xustificación posible”, engade Montes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario