20 de xuño de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Noite de San Xoán: o vencello entre prehistoria e contemporaneidade

•  Rego de Bicosán e a Comunidade de Montes de Camposancos organizan esa celebración,  o luns 23 de xuño, ás 21:00h, na Casa da Comunidade de Montes





Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 O solsticio de verán de 2025 será este sábado 21 de xuño, ás 02:41 hora peninsular española, segundo o Observatorio Astronómico Nacional. Nesa data será o inicio oficial do verán no hemisferio norte e tamén é o día máis longo do ano. 

 Vencellado as celebracións solsticiais e ao culto ao lume, situamos a orixe pagana - visto desde unha perspectiva cristiá - da celebración da festividade de san Xoán Bautista - cuxo nacemento celébrase o 24 de xuño -, e que en Galicia, desde tempos inmemoriais, concentra unha gran diversidade de ritos ancestrais.

 Cacharelas ou fogueiras - como adoitamos decirmos nesta contorna -, a realizar nos lugares indicados, e previa á autorización administrativa correspondente - así é nestas alturas do s. XXI -, convidan á cidadanía a participar na noite do 23 de xuño nunha celebración que vencella a prehistoria coa contemporaneidade.

 En Camposancos, por iniciativa da Asociación Cultural Rego de Bicosán e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, á celebración será na casa da devandita comunidade. Dese xeito, na noite de san Xoán, non faltará á cacharela, nin a tradición de saltar por riba das lapas - como rito purificador e de protección contra as más influenzas - co engado de estarmos entre persoas amigas e veciñas 

 Da animación musical ocuparanse os compoñentes do grupo Lirolai.

 Asemade, trala oportuna recollida - na tarde do 23 de xuño, antes de que caia á noite -,  das herbas de san Xoán -fiuncho, follas e flores de limoeiro ou de laranxeira, herba luisa, herba de san Xoán, hortelá, lingua de ovella, macela, malvas, ourego, romeu, ruda,...-, e tamén, quen o desexe, pétalos de caraveis, roseiras,...; nesa noite porémolas a macerar en auga de sete fontes distintas, e déixanse ao aire libre durante as horas comprendidas entre o solpor e o abrente, para que absorban o resío e a maxia da noite. E na mañá de san Xoán, lavaremos a cara e as mans coa flor da auga, de propiedades purificadoras. 

 Hai moitas tradicións arredor da noite de san Xoán. Un bo xeito de que non se perdan ao longo do tempo é que as persoas veteranas de cada familia ou de cada aldea, transmitan ás novas xeracións todo aquilo que vén de tempos moi antigos. E a celebración que organiza a asociación Rego de Vicosán e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, tamén pode propiciar esa transmisión de coñecementos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario