Alumnado do IES de Tomiño demostra como facer xabóns reciclados con aceites caseiros
• A actividade, realizada hoxe na praza do Seixo, tivo como obxectivo conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Hoxe, 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, alumnado do IES Antón Alonso Ríos, trouxo até os soportais do Mercado Municipal un fermosísimo posto de xabóns feitos con medios totalmente artesanais, que son o resultado da reciclaxe de aceites caseiros.
A actividade, enmarcada dentro da Semana do Medio Ambiente Tomiño Natural, tivo como fin amosar o voso traballo e demostrar que é posible un modo de vida máis sostible e ecolóxico.
Lembrar que a devandita semana continúa o vindeiro sábado 7 de xuño, cun faladoiro moi interesante no que participarán pescadores do río Miño e expertos e divulgadores como Rogelio Santos Queiruga e dous investigadores da Universidade de Vigo, do proxecto “LABPLAS” sobre solucións terrestres para os plásticos no mar (lugar por determinar, dependendo do aforo necesario).
E como peche especial, o domingo 8 de xuño, organizarase a ruta “As nosas senlleiras en torno ao Río”, coa colaboración do colectivo “Donde viven los cuentos” (punto de encontro nas Sobreiras de san Roque, ás 10 da mañá).
“Nesta semana, como sempre, queremos incidir na importancia das accións individuais como, por exemplo, as cabichas tiradas no chan ou o lixo que aparece nas cunetas…” declara a Concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, ao tempo que resalta “faime especial ilusión o faladoiro, xa que xuntaremos pescadores do río e do mar, con investigadores que nos darán unha noción do dimensionamento dos problemas, máis alá do que se ve a simple vista”.
As persoas que desexen participar no faladoiro ou na ruta, poden anotarse na seguinte ligazón: https://tomino.gal/semana-do-medio-ambiente-2025/
Ningún comentario:
Publicar un comentario