Tomiño latexa a ritmo de rock, emoción e orgullo galego coa gran noite do Orballo Cultural
• Este sábado 14 de xuño, ás 21.15h, a praza Pintor Antonio Fernández de Goián prepárase para cinco horas de música, gastronomía e artesanía nun festival de balde con Herdeiros da Crus como prato forte da noite
• E o domingo 15, representación da Escola de Teatro ás 19.00 h no auditorio municipal de Goián
Infogauda / Tomiño
Unha noite para lembrar en Tomiño. Este sábado 14 de xuño, o Orballo Cultural chega ao concello con cinco horas de música en directo, gastronomía autóctona e artesanía local nun festival totalmente de balde na praza Pintor Antonio Fernández, de Goián. Un encontro que mestura vangarda e tradición cun cartel encabezado por un dos grandes do rock galego, Herdeiros da Crus, acompañados de The Limboos e de DJ Mesu para ofrecer unha experiencia única.
A festa comezará ás 21.15 h coa sesión de DJ Mesu, que quentará motores antes do directo de The Limboos ás 21.30 h. O prato forte chegará ás 23.30 h coa potente actuación de Herdeiros da Crus. A noite pecharase de novo co ritmo de DJ Mesu, que volverá aos pratos ás 01.15 h para rematar unha xornada inesquecible.
Programación para todos os públicos
A programación cultural da fin de semana comezou xa este venres, 13 de xuño ás 19.00 h, coa homenaxe ás ‘Cantareiras’ na praza do Seixo. Trátase dun contacontos ilustrado e musicado con motivo do Día das Letras Galegas, no que o recoñecido músico Marcelo Dobode acompañará coa súa mestría musical unha narración chea de historias e emocións. Ao remate, haberá un obradoiro de debuxo creativo para que as familias poidan plasmar as emocións inspiradas pola actuación.
O broche de ouro á fin de semana chegará o domingo 15 de xuño, ás 19.00 h, cando o alumnado da Escola Municipal de Teatro de Tomiño subirá ao escenario do Auditorio de Goián. O Grupo Xuvenil 2 representará a obra "XL Pánico en Casa Pepe", unha comedia para todos os públicos con entrada de balde ata completar a cabida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario