6 de xuño de 2025

DEPORTES

O II Trail Camposancos ó solpor estreará o verán na Guarda  

Esta edición contará para a clasificación individual da Federación Galega  


Roberto José Álvarez, alcalde de A Guarda, con David Posada,  delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA) en Vigo; Iván Sangiao, responsable técnico de carreiras de montaña da FGA; e José Antonio Vázquez, coordinador e presidente da organización, na presentación do evento deportivo
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda  

 Co II Trail Camposancos ó solpor, o sábado 21 de xuño, comezará o verán na Guarda. O Concello guardés colabora na organización desta proba impulsando o deporte.  

 David Posada,  delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA) en Vigo; Iván Sangiao, responsable técnico de carreiras de montaña da FGA; e José Antonio Vázquez, coordinador e presidente da organización, achegáronse hoxe ao Concello de A Guarda para presentar esta proba oficial, que terá a súa saída ao carón do Campo Multiusos Codesal, para despois percorrer as impresionantes paisaxes de Camposancos.  

 Este ano a proba puntuará tanto na distancia curta de 9 km con 450 metros de ascenso, como na distancia longa de 21 km con máis de mil positivos, para a clasificación individual da Federación Galega, o que supón poder contar cos mellores atletas da especialidade.   

 O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, resaltou que “acoller probas deportivas deste calibre, dentro dun circuíto oficial de carreiras é unha mostra do espírito deportivo da Guarda” e engadiu “a Federación creo que non atopará mellor entorno que o que pode ofrecer A Guarda aos corredores durante a proba”.  

 Posada indicou que “estas probas están tendo moito pulo en Galicia, cun crecemento espectacular nos últimos tempos”. Pola súa banda, Sangiao fixo referencia ao circuíto que revisaron xusto antes e que “será moi atractivo para todos os participantes que alternarán zonas rápidas e técnicas, con vistas, tanto á desembocadura do Miño como ás saias do Atlántico”.  

 Tamén haberá andaina que fará un percorrido de 8km cun desnivel acumulado de 400m. Haberá un máximo de participantes nas probas, ata chegar aos 250 en cada unha das carreiras, e aos 150 na andaina. As inscricións para todas as probas estarán abertas ata o día 16 de xuño.   

 As carreiras longa e curta terán un prezo de inscrición de 18€ e 10€, respectivamente; mais na última semana de inscrición o prezo subirá aos 20€ e 12€. Pola súa banda, o prezo da andaina manterase sempre igual nos 6€.  

 Toda a información e as inscricións están dispoñibles en: 

https://www.carreirasgalegas.com/events/ii-trail-camposancos-solpor-2025/Maj4Xpj4 

Ningún comentario:

Publicar un comentario