6 de maio de 2025

A GUARDA

A Guarda pon en valor o patrimonio etnográfico e paisaxístico do Baixo Miño  


O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Cultura,  Celso Rodríguez Fariñas, con Nemesio Castro Álvarez e familiares, e Manuel Estévez Diego, comisario da exposición
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda 

 A Casa dos Alonso continúa acollendo a exposición “Os muíños do Picón e do Folón, a través da pintura no Camiño Portugués”, unha mostra artística que rende homenaxe a unha das paisaxes etnográficas máis singulares de Galicia a través da obra de máis de vinte artistas galegos e do resto da península. 

 A exposición, comisariada por Manuel Estévez Diego, recolle interpretacións pictóricas dos máis de sesenta muíños do Folón e do Picón, situados nos montes do Rosal e declarados Ben de Interese Cultural. 

 A mostra fai a súa primeira parada en A Guarda por ser o primeiro punto do Camiño Portugués pola Costa en territorio galego, e poderá visitarse na Casa dos Alonso ata o 13 de maio, de luns a venres, en horario de 9 a 14 h.  

 Estévez destacou que esta exposición “é unha homenaxe a dúas figuras fundamentais: o inesquecible maño José Antonio Labordeta, e Nemesio Castro, o último muiñeiro do Folón, auténtica alma desta contorna”. Estévez lembrou que a idea da exposición xurdiu durante a pandemia, e que foi tecendo redes con artistas de lugares como Aranda de Duero, Burgos, Sevilla ou Palma de Mallorca, ademais dunha ampla representación galega con nomes como Marieta Quesada, David Quinteiro, Xulio Fontes, Amelia Palacios, Puri Palacios ou Carlos Padín. 

 Acompañado de varios familiares, no acto estivo presente Nemesio Castro Álvarez, o muiñeiro retratado nun dos cadros, testemuña viva dunha tradición herdada dos seus bisavós, que simboliza o vínculo profundo entre o territorio, a memoria e o traballo. 

 Tamén asistiron o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura,  Celso Rodríguez Fariñas, así como varios dos artistas participantes. 

 Durante a súa intervención, Álvarez Carrero sinalou que “A Guarda é terra de cultura, e esta exposición encaixa á perfección co espírito do noso pobo. A través da pintura, esta mostra permite redescubrir a nosa contorna e seguir apostando por poñer en valor a riqueza etnográfica do Baixo Miño”. O rexedor convidou a veciños e visitantes “a achegarse á Casa dos Alonso e deixarse levar pola forza destas obras que celebran a nosa historia e a nosa identidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario