26 de maio de 2025

A GUARDA

COMUNICADO DA COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE A GUARDA




 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC) de A Guarda quere comunicar á veciñanza os feitos acontecidos recentemente respecto da colocación e posterior retirada dunha bandeira palestina no entorno do Facho, en terreos de titularidade comunal. 

 O sábado 25 de maio de 2025 o Colectivo en Solidariedade co Pobo Palestino do Baixo Miño procedeu á colocación dunha bandeira palestina no mastro situado no Facho, espazo situado en terreos  da CMMVVMC de A Guarda. No lugar persoáronse efectivos da Policía Local, Garda Civil e servizo de emerxencias (GES), procedendo á retirada da bandeira por indicacións do Concelleiro de Urbanismo. 

 Segundo a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común de Galicia, a CMMVVMC de A Guarda ten plena autonomía na xestión do monte comunal polo que calquera decisión compete exclusivamente á CMMVVMC de A Guarda, sendo esta quen debe decidir sobre calquera aspecto relativo ao seu uso, acceso, actividades e intervencións, sen que outra entidade ou administración poida actuar unilateralmente sobre os mesmos.  

 Polo exposto, a  CMMVVMC de A Guarda quere aclarar:     

 • Calquera entidade ou colectivo que desexe realizar actos simbólicos ou actividades en terreos comunais debe solicitar autorización previa á CMMVVMC de A Guarda.     

 • Calquera institución que desexe realizar unha intervención en terreos comunais ten que comunicalo e contar coa autorización previa da CMMVVMC de A Guarda. 

 O Colectivo en Solidariedade co Pobo Palestino do Baixo Miño contactou a posteriori coa CMMVVMC de A Guarda para informar da actuación realizada e, tras ser informados da necesidade de contar co pertinente permiso para calquera actuación neste espazo, pediu desculpas pola colocación inicial sen autorización e tramitou correctamente a solicitude de colocación seguindo as indicacións recibidas. Así mesmo, ante a falta de comunicación institucional, a CMMVVMC de A Guarda presentou unha solicitude formal ao Concello da Guarda a través da sede electrónica (Nº de Rexistro 2025-E-RE-1749) na que se solicita unha explicación formal sobre a actuación realizada en terreos comunais e os seus fundamentos e o compromiso de comunicación previa en futuras intervencións en terreos comunais. 

 A través deste comunicado a CMMVVMC de A Guarda esixe en primeiro lugar que calquera actuación que se realice en terreos comunais conte cos permisos pertinentes e, en segundo lugar, respecto institucional ao Concello de A Guarda.  

En A Guarda a 26 de maio de 2025 

Xunta Reitora da CMMVVMC de A Guarda

Ningún comentario:

Publicar un comentario