4 de mar. de 2025

VIGO

4 DE MARZO. DÍA MUNDIAL CONTRA A GORDOFOBIA 


Concentración convocada por Resposta Feminista, está mañá diante do MARCO, en Vigo

Resposta Feminista / Vigo

 Desde Resposta Feminista denunciamos a opresión estética e a gordofobia médica que sofren as mulleres, así como, os perigos asociados ao uso indebido de medicamentos como o Ozempic. 

 A sociedade na que vivimos parece ter unha misión clara: facer desaparecer as persoas gordas. O ano pasado premiouse nos Premios Princesa de Asturias a quen descubriron que Ozempic, un fármaco para o tratamento da diabetes tipo 2, conleva perda de peso. Un medicamento que promete resultados máxicos sobre os nosos corpos e que eliminará o suposto problema estético/corporal/social que representa a gordura. A súa proeza non é o impacto que ten na vida das persoas con diabetes, a gran xesta do Ozempic e polo que foi premiado nos Premios Princesa de Asturias de 2024 é a súa capacidade de borrar o considerado feo e indesexable, é promulgarse como a cura contra o diferente. Medícannos porque o gordo ha de erradicarse. Ten que desaparecer todo iso que non encaixa nos seus cánones de beleza e nas súas cuadriculadas formas de experimentar a vida. 

 Desde abril de 2024, as receitas de Ozempic aumentaron un 33% en comparación co mesmo periodo do ano anterior e un 70% máis que en 2021. Este incremento na demanda está xerando problemas de suministro, especialmente dende decembro de 2024, o que levou ás autoridades sanitarias a instar aos profesionais a priorizar o seu uso en pacientes con diabetes tipo 2, para quen está indicado orixinalmente. Sen contar cos numerosos efectos secundarios que están destrozando a vida de millóns de mulleres gordas: dende pancreatite, enfermidades da vesícula biliar, carcinomas na tiroides e médula, vómitos, náuseas, dor estomacal…e incluso mortes. En Estados Unidos, reportáronse 162 muertes nestes últimos anos asociadas ao uso de medicamentos para a perda de peso como Ozempic. Resistimos e seguiremos resistindo, porque un mundo sen diversidade corporal, uniformado a unha única posibilidade de existencia - delgada, branca, funcional, neurotípica e nova - é unha distopía. 

 Non somos unha epidemia. O que verdadeiramente enferma é a gordofobia. Iso si que é un virus social, un que se atopa profundamente arraigado nas nosas sociedades e que se perpetúa a través de discursos, políticas e prácticas discriminatorias. A cada paso tentan convencernos de que os nosos corpos son incorrectos, enfermos, perigosos. 

 E agora, cunha nova ferramenta ao servizo deste sistema opresor, buscan borrar a nosa existencia unha vez máis. As receitas masivas de Ozempic e o Premio Princesa de Asturias que se lle concedeu a este medicamento non son máis que un reforzo desta violencia estrutural. Non é a primeira vez que intentan facernos desaparecer. Xa pasamos polas anfetaminas que nos prometeron corpiños delgados a prezo de poñer en risco as nosas vidas. Pasamos pola cirurxía bariátrica, que mutila os nosos estómagos coa mesma violencia coa que nos queren reducir ao silencio. Pasamos polas innumerables dietas milagre que fixeron fortuna coa nosa dor. E todas esas estratexias fracasaron. 

 Non lograron facernos desaparecer, pero si deixaron pegadas nos nosos corpos e nas nosas vidas. Pegadas de fame, de sufrimento, de culpa, de trastornos alimentarios, de medo a existir plenamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario