A proxección do documental “Prefiro condenarme” de Margarita Ledo, abrirá en Tui a programación do do 8M
• Será este xoves ás 19 h no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, con posterior coloquio coa directora
Infogauda / Tui
A proxección do documental "Prefiro condenarme", dirixido pola prestixiosa cineasta Margarita Ledo Andión abrirá este xoves, 6 de marzo, a programación do 8M que o concello de Tui conmemora baixa o lema “Os Nosos Dereitos, hoxe, mañá e sempre!”, reafirmando o compromiso coa igualdade e a visibilidade das loitas femininas ao longo da historia.
A cita será ás 19:00 h, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. Tras a proxección, o público poderá participar nun encontro coa autora.
"Prefiro condenarme", dirixida por Margarita Ledo Andión, reconstrúe a historia de Sagrario Ribela Fra, unha mariscadora da ría de Ferrol que, en plena ditadura franquista (1972), foi sometida a un xuízo por adulterio nun tribunal eclesiástico de Compostela. Contra todo prognóstico, foi absolta. A través do relato deste caso real, o documental mergúllase na opresión social, a violencia de xénero e a falta de dereitos, pero tamén na forza de quen desafía as normas establecidas para reclamar liberdade e dignidade. O elenco está formado por Mónica Camaño, Melancia Cruz, Iria Pinheiro, Sagrario Ribela Fra, e Nardo Beceiro.
Margarita Ledo Andión
Margarita Ledo é catedrática en Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta. A súa traxectoria inclúe filmes recoñecidos como "Nación" (2020), galardoada co Premio á Mellor Dirección de Película Española no Festival de Sevilla e co Mestre Mateo ao Mellor Documental en 2021. A súa obra cinematográfica destaca por abordar a memoria histórica, a resistencia e a loita polas liberdades.
Foi recoñecida con numerosos premios, entre eles o Premio Nacional da Cultura Galega en Cine e Audiovisual (2008), o Premio Otero Pedrayo (2017), o Premio Cineuropa (2020), o Mestre Mateo de honra (2022) e o Premio Pedigrí do Festival de Cans (2022). Recentemente, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía incorporou as súas películas "Santa libertad" e "Nación" á súa colección permanente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario