ÁREA SANITARIA DE VIGO
Documento da Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo para reclamar unha UNIDADE DE QUEIMADOS
A ordenación das referencias hospitalarias de técnicas, procedementos e tecnoloxías réxese, no Servizo Galego de Saúde, por unha instrución na que se establecen os criterios de derivación de pacientes entre as Áreas Sanitarias.
• Nela, contémplanse dous niveis de actuación, un para servizos e outro para técnicas, procedementos e tecnoloxías que estean incorporadas ou se vaian incorporar no futuro á carteira de servizos do Servizo Galego de Saúde.
• En ambos os casos trátase da ordenación de actividades de alta tecnoloxía, complexidade e especialización que deben concentrarse nun número reducido de servizos de hospitais de terceiro nivel, que no Servizo Galego de Saúde son os das Áreas Sanitarias da Coruña, Santiago e Vigo.
Trátase dunha ordenación de extraordinaria importancia para o presente e o futuro desenvolvemento dos centros, xa que afecta a servizos e técnicas que van ser referencia en ámbitos territoriais de máis dunha provincia, mesmo a nivel autonómico.
Son actividades e servizos de alta, especialización e tecnoloxía, o que achega máis valor engadido ao sistema sanitario público e é determinante por tanto no prestixio dos centros hospitalarios.
Estamos a falar sen dúbida do que marca a diferenza entre centros, con importantes implicacións orzamentarias, de dispoñibilidade de recursos humanos e tecnolóxicos de alta especialización, o que fai posible, o contacto co coñecemento avanzado e o desenvolvemento de actividades de formación, docencia e investigación de alto nivel.
Deles depende que os servizos conten co suficiente número de profesionais cualificados e coa masa crítica de pacientes que permita estar en contacto con toda a complexidade dunha especialidade, proporcione o número de casos e a experiencia necesaria para garantir a seguridade das intervencións.
En suma, o que fai atractivo un centro tanto para profesionais como para pacientes.
Na última ordenación de servizos e técnicas posta en funcionamento pola Consellaría de Sanidade réstanse 300.000 habitantes, que pertencen á área de Pontevedra e O Salnés, da área de referencia do complexo hospitalario Universitario de Vigo, para asignalos ao complexo hospitalario Universitario de Santiago. Este recorte territorial e poboacional da Área Sanitaria de VIGO afecta a servizos da transcendencia de cirurxía cardíaca, hemodinámica, cirurxía plástica, cirurxía torácica, cirurxía pediátrica ou fecundación in vitro.
Non fai falta ser un experto sanitario para darse conta das consecuencias desta decisión e da carga de traballo extra para estes servizos e para outros do mesmo complexo hospitalario que supón dispoñer dunha maior asignación poboacional (interconsultas, probas, diagnóstico, por imaxe, intervencións etc.).
Todo iso supón dotación orzamentaria que se detrae da área de Vigo e trasládase á área de Santiago, nun proceso de descapitalización, non só do complexo hospitalario de Vigo, senón tamén do de Pontevedra, que se verá imposibilitado para asumir a complexidade e hipotecado no seu desenvolvemento.
No Servizo Galego de Saúde hai tres grandes áreas de referencia con ámbitos poboacionais diferentes:
- Área de referencia do complexo hospitalario universitario da Coruña con 1.100.000 habitantes.
- Área de referencia do complexo hospitalario universitario de Santiago con 755.000 habitantes despois de incorporar os 300.000 habitantes da área de Pontevedra e O Salnés, que pertencían á área de referencia do complexo hospitalario universitario de Vigo.
- Áreas de referencia do complexo hospitalario universitario de Vigo, que como consecuencia da perda deses 300.000 habitantes de Pontevedra e O Salnés pasou de 1.200.000 a 894.000 habitantes, abarcando so a área sanitaria de Vigo e a provincia de Ourense.
A situación non é mellor para o complexo hospitalario universitario de Vigo, no que se refire técnicas, procedementos e tecnoloxías de referencia autonómica ou de rexión norte e sur de Galicia.
A Área Sanitaria de VIGO só ten catro referencias únicas, é dicir, técnicas que só se practican no seu hospital, mentres que a Área Sanitaria da Coruña conserva 11 referencias e a de Santiago 10.
Isto sen ter en conta os transplantes, na Área Sanitaria de Vigo, só se transplantan córneas e medulas.
Pero os órganos máis potentes, corazón e pulmón, fanse na Área Sanitaria da Coruña, e ril, páncreas e fígado, se transplantan na de Santiago e A Coruña.
Sinalouse desde a Consellería que esta ordenación de referencias hospitalarias respondía exclusivamente a criterios técnicos de planificación sanitaria, de calidade asistencial e de necesidade de ordenación e re equilibrio territorial.
Pero a Consellería de Sanidade non puxo sobre a mesa nin un só indicador de calidade asistencial que xustifique estes cocientes poboacionais nin a distribución de servizos e técnicas.
Non existe criterio técnico, económico, organizativo ou administrativo, que poida avalar estas decisións, trátase de favorecer a unhas áreas sanitarias en detrimento de outras, por razóns de presión política e de tráfico de influencias.
• Valga, como exemplo o caso do servizo de cirurxía cardíaca no que o transvasamento de poboación de referencia a Área Sanitaria de Santiago supuxo unha redución orzamentaria do servizo de cirurxía cardíaca da Área Sanitaria de VIGO dun 27 %, 3 millóns de euros en dous anos.
• Outro exemplo é que hai anos que o complexo de Santiago absorbeu a poboación da comarca do Deza e A Estrada (70.000 habitantes), que antes tiña como referencia o complexo hospitalario universitario de Pontevedra, este transvasamento poboacional supuxo un transvasamento orzamentario á Área Sanitaria de Santiago, desde Pontevedra, duns 80 millóns de euros.
A Consellería volve mentir sobre os verdadeiros motivos que inspiran estes cambios.
Os problemas de lista de espera non se solucionan con cambios arbitrarios de poboación de referencia, senón coa adecuada dotación de recursos para satisfacer as necesidades asistenciais da poboación, con medidas organizativas e de xestión e, mentres iso non sexa posible, co traslado de pacientes que están en espera dunha intervención a outros centros que están en mellor situación.
UNIDADE DE QUEIMADOS
Dentro destes servizos de alta especialización aos que nos estamos referindo, está a unidade de queimados críticos.
Ata a actual negociación do novo contrato co hospital privado Ribera-POVISA, a referencia para as provincias de Pontevedra e Ourense en grandes queimados estaba localizada no devandito hospital privado.
Coa actual negociación do novo contrato con Ribera-POVISA, suprímese dita unidade neste hospital e a nova referencia hospitalaria para este tipo de patoloxía localízase na unidade de queimados do complexo hospitalario universitario da Coruña.
Por tanto, os pacientes subsidiarios de ser atendidos por esta problemática das provincias de Pontevedra e Ourense, deberán ser trasladados ao complexo hospitalario da Coruña para ser atendidos na súa unidade de queimados.
A Área Sanitaria de Vigo,
• coa maior actividade industrial de Galicia,
• coa maior concentración empresarial de industrias con máis probabilidade de sufrir sinistralidade laboral por queimaduras,
• cunha área de referencia poboacional potencial de máis de 1.200.000 habitantes, por unha nova decisión arbitraria VAI QUEDAR SEN UNIDADE DE QUEIMADOS no complexo hospitalario universitario de Vigo.
Unha Unidade de Queimados é un dispositivo de alta especialización e complexidade integrado nun centro hospitalario, dotado cos recursos materiais e humanos, necesarios para atender:
• queimados de segundo e terceiro grao de máis do 20 % de superficie corporal a calquera idade,
• queimados de segundo e terceiro grao de máis do 10 % menores de 10 anos e maiores de 50,
• queimaduras, químicas e eléctricas,
• queimaduras en zonas críticas,
• queimaduras con lesións asociadas (inhalación de fumes, traumatismos etc.)
• queimados con riscos asociados como diabéticos, inmunodeprimidos etc..
Estímase que 300 de cada 100.000 habitantes quéimanse requirindo atención médica, e 14 de cada 100.000 habitantes requiren ingreso hospitalario.
Que se perde a Área Sanitaria de VIGO?
Unha Unidade de Queimados como a que lle correspondería a Vigo ocupa unha área hospitalaria de aproximadamente máis de 1.000 m² que dispón de:
• Unha área de hospitalización con non menos de 10 camas, con cinco cuartos individuais de hospitalización e unha dobre para pediatría, tres boxes de críticos con illamento, dúas salas con bañeiras para curas e hidratación, control de enfermería na propia unidade con control visual dos boxes de críticos, salas de xuntas, sala de descanso, etc.
• Unha área cirúrxica cun quirófano, dotado de todo o material necesario para o tratamento cirúrxico dos pacientes, ante quirófano e área de lavado, almacén e zona de limpo e sucio perfectamente delimitadas.
• Un xefe de sección, especialista en cirurxía plástica, estética e reparadora.
• Un especialista en cirurxía plástica, estética e reparadora.
• Un médico residente MIR do servizo de cirurxía plástica, estética e reparadora.
• Un médico especialista en medicina intensiva, responsable da atención médica na unidade de críticos.
• Un médico especialista de anestesioloxía e reanimación.
• Persoal sanitario de diferentes categorías profesionais: enfermería, fisioterapia, terapia ocupacional, TCAEs, celadoras/es, psicoloxía clínica, etc
• Persoal administrativo.
• Persoal de limpeza e outros servizos. Ademais, de realizar actividades asistenciais, estas unidades requiren para a súa acreditación:
• a realización de docencia posgraduado,
• participación en proxectos de investigación,
• programa de formación continuada,
• programación semanal de sesións clínicas.
Coñecendo as características deste dispositivo asistencial, pódese entender o volume orzamentario e de recursos humanos e tecnolóxicos que se van perder 6 na Área Sanitaria de Vigo se non se consigue una Unidade de Queimados pública.
Como dato adicional para entender esta nova discriminación da Área Sanitaria de Vigo:
• é necesario coñecer que está ben contrastado na experiencia internacional que os hospitais construídos segundo o modelo de concesión tipo PFI, como o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, coexisten moi mal coa complexidade, coa alta tecnoloxía e a alta especialización, e coas actividades de formación, docencia e investigación.
• son actividades moi pouco custo efectivas para a empresa privada, nuns casos esixen equipamentos de moi alto custo e persoal moi especializado para tratar un número pequeno de pacientes e noutros casos tempo e dedicación que se detrae da actividade asistencial e que, por tanto, poden ameazar a rendibilidade económica do proxecto da sociedade concesionaria titular do hospital.
Vigo, 28 de febreiro de 2025
PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA SANITARIA DE VIGO
Ningún comentario:
Publicar un comentario