Comezan as obras de urbanización do paseo da Corredera e rúa Augusto González Besada
• Suporán un investimento 1,1 millóns de euros e teñen un prazo de execución de 8 meses
Infogauda / Tui
Esta semana deron comezo as obras de urbanización do paseo da Corredoira e da rúa Augusto González Besada, unha intervención destinada á recuperación deste espazo como punto de encontro e convivencia, garantindo a mellora da mobilidade peonil, a integración urbana e a renovación das infraestruturas nun contorno histórico. Trátase da Fase 1 dun proxecto que conta cun investimento de 1.165.581,54 euros, financiado con cargo do programa PON2030 da Deputación de Pontevedra. O prazo de execución estimado é de oito meses.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que "con esta actuación recuperamos un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade, transformándoo nun lugar máis accesible, amable e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza. Apostamos por un modelo de cidade máis sostible, no que as persoas sexan as protagonistas do espazo público". Engade o rexedor tudense que a actuación a executar redunda tamén positivamente no tecido comercial e de restauración situado neste céntrico paseo.
A actuación inclúe a substitución do adoquinado na antiga zona de estacionamento do tramo sur, na marxe oeste, por lousa de granito. Así mesmo, procederase ao acondicionamento do acceso ao paseo da Corredoira desde a rúa Ordóñez, creando un espazo diferenciado que disporá dunha zona de carga e descarga e dunha área de estancia con arborado. O proxecto contempla tamén a renovación integral das redes de saneamento e abastecemento, coa instalación dun colector para a recollida separativa de augas pluviais e fecais, o que permitirá dar solución aos problemas recorrentes de evacuación de augas nos inmobles da zona.
A intervención abrangue ademais a praza da Inmaculada, que será renovada mediante a implantación dunha plataforma única e a adecuación das súas condicións de accesibilidade mediante ramplas de acceso ao edificio onde está situada a Policía Local. Tamén se mellorará o pavimento de toda a súa contorna abranguendo un tramo da rúa Rosa Bahamonde e a súa travesía.
Na rúa Augusto González Besada establecerase unha plataforma única con prioridade peonil, elevando a cota ao nivel das actuais beirarrúas. A circulación rodada terá sentido único oeste-este, cun ancho de 3,2 metros en adoquinado de granito. Nos laterais habilitaranse prazas de estacionamento organizadas en bloques de dúas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida e áreas de carga e descarga. Ademais, ao longo de toda a rúa disporase un paseo arborado e novo mobiliario urbano.
Dado o carácter histórico da zona, o proxecto prevé tamén a realización de sondaxes e estudos arquitectónicos que permitan preservar e poñer en valor o patrimonio existente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario