A Xunta de Galicia remata o investimento de máis de un millón de euros no acondicionamento da N-551, na contorna do Polígono de Areas
• Os traballos permitiron mellorar a drenaxe dunha canle entre a A-55 e o ramal de enlace coa N-551; eliminaron un carril en desuso; reordenaron o aparcadoiro; e melloraron os vaos peonís
Infogauda / Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegouse esta mañá ata o Polígono de Areas, no concello de Tui, onde comprobou os resultados dos traballos de acondicionamento da N-551 levados a cabo pola consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Os traballos afectaron ao percorrido que vai do punto quilométrico 0+000 ata o punto quilométrico 0+600 e contaron cun orzamento de máis de un millón de euros. As obras permitiron mellorar unha importante área moi transitada que se topa na contorna do enlace da autovía Tu i- A Guarda coa A-55 e o Polígono de Areas.
Coas obras da VAP Tui-A Guarda, o treito Enlace A-55 a Enlace de Areas modificou a configuración da rede viaria na contorna da conexión da poboación de Tui coa A-55.
Así, a actuación tiña como finalidade adecuar a estrada á súa nova función para mellorar a mobilidade sostible na zona, ademais de mellorar a comodidade e seguridade dos condutores.
En concreto, realizáronse intervencións nun treito da N-551, na autovía A-55 e en viarios tramos municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía.
Os traballos incluíron a mellora da drenaxe dunha canle fluvial entre a A-55 e o ramal de enlace coa N-551, ademais da mellora do pavimento do viario municipal.
As intervencións no treito da N-551 tamén incluíron a eliminación do carril central que quedou sen uso, a construción de beirarrúas e a reordenación do aparcadoiro. Pola súa banda, nos vaos peonís colocouse pavimento táctil.
Por último, procedeuse á reposición do firme existente, á disposición dunha parada de autobús, á execución dunha nova rede de pluviais e á mellora da rede de iluminación.
Cabe destacar que os traballos no Polígono de Areas incluíron o acondicionamento de varias glorietas.
No caso da A-55, as actuacións centráronse na renovación dun treito de firme e na instalación de pantallas acústicas adicionais.
Axudas para parques empresariais
O delegado territorial aproveitou a visita para comprobar o resultado das obras levadas a cabo polo concello de Tui grazas á axuda da Xunta para a habilitación e mellora dos parques empresariais.
En concreto, o concello de Tui actuou sobre a rúa 5 do Polígono de Areas, unha actuación para a que recibiu unha achega de 38.000 euros.
Estas axudas beneficiaron a 11 parques empresariais da área territorial de Pontevedra por valor de máis de 750.000 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario