Aberto o prazo para solicitar as subvencións deportivas, sociais e culturais
• O goberno local destinará 100.000 euros a estas axudas. As solicitudes poden presentarse ata o día 11 de abril
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño abríu o prazo para solicitar as subvencións municipais dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades sociais, culturais e deportivas, así como para deportistas individuais. O goberno municipal investirá este ano un total de 100.000 euros nestas axudas, que poden solicitarse ata o día 11 de abril.
“Con estas axudas mantemos o noso compromiso e apoio a todas as entidades, clubs e deportistas tomiñeses, colaborando con todos eles a sufragar os gastos das actividades programadas para todo este ano, dinamización o noso concello, fomentando o benestar social da veciñanza e promocionando a cultura e o deporte”, explica a alcaldesa, Sandra González.
O Goberno municipal subvencionará, deste xeito, a entidades deportivas sen ánimo de lucro e deportistas individuais para fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades durante todo o ano. Tamén a aquelas entidades culturais e sociais sen fins de lucro de Tomiño para a realización de actividades durante o ano 2025.
Poderán solicitar esta subvención clubs e entidades deportivas federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas federacións deportivas. Ademais, tamén poderán facer a súa solicitude aquelas e aqueles deportistas individuais tomiñeses recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional.
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As bases completas das convocatorias poden consultarse no Portal de Transparencia da sede electrónica da páxina web do Concello de Tomiño, ou a través deste enlace: https://tomino.sedelectronica.gal/transparency/59ba881e-71cb-43ee-bece-e6c611153945/
Ningún comentario:
Publicar un comentario