18 de mar. de 2025

TOMIÑO

O CONCELLO DE TOMIÑO APOIA AS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA LOITA 

 A alcaldesa e o concelleiro de Benestar Social, mantiveron unha xuntanza para coñecer os novos obxectivos


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, mantiveron unha xuntanza con membros da Plataforma Loita
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, mantiveron unha xuntanza con membros da Plataforma Loita para coñecer o traballo que esta leva a cabo e os novos obxectivos polos que están loitando. Durante o encontro, a Plataforma Loita expuxo as súas principais reivindicacións, que afectan tanto ao eido da sanidade como ao da educación, e que o Concello de Tomiño apoia de maneira decidida.  

 No eido da sanidade, a Plataforma Loita solicita a ampliación da atención temperá durante toda a etapa pediátrica, garantindo a continuidade das terapias e a atención para os nenos e nenas máis alá dos 6 anos. Esta demanda inclúe a necesidade de que se cumpra o decreto de atención temperá, xa que moitas veces non se aplica correctamente e as familias se ven afectadas polas listas de espera ou a falta de continuidade na atención. O Concello de Tomiño comparte esta visión e considera que tamén é necesario mellorar a atención temperá de 0 a 6 anos, incrementando os recursos e mellorando os servizos existentes para garantir que todos os nenos e nenas teñan acceso a unha atención de calidade.  

 No eido da educación, a Plataforma Loita propón mellorar a comunicación entre as familias e o sistema educativo a través da plataforma Abalar, implementando unha ferramenta que permita presentar achegas e reclamacións de maneira sinxela e eficaz. Esta mellora permitiría que as solicitudes e reclamacións das familias fosen atendidas de maneira máis directa e oficial. O Concello de Tomiño apoia esta proposta, considerando que mellorar a comunicación e garantir que as peticións das familias se xestionen de forma efectiva é fundamental para o bo funcionamento do sistema educativo.  

 A alcaldesa Sandra González manifestou: “Desde o Concello de Tomiño apoiamos totalmente as reivindicacións da Plataforma Loita. É imprescindible que os nosos nenos e nenas teñan acceso a unha atención temperá de calidade e que esta atención se amplíe máis alá dos 6 anos. Tamén consideramos que a mellorana comunicación coa plataforma Abalar sería un paso fundamental para que as familias teñan as súas necesidades atendidas de maneira eficiente e oficial”.  

 Pola súa parte, o concelleiro de Benestar Social Rubén García subliñou: “A atención ás familias e aosnenos e nenas con necesidades especiais debe ser unha prioridade. O Concello de Tomiño traballará para apoiar estas solicitudes e para que tanto a atención temperá como a comunicación no ámbito educativo melloren substancialmente. Todos debemos esforzarnos para garantir que as familias teñan acceso aos servizos que precisan”.  

 O Concello de Tomiño seguirá facendo forza para que estas reivindicacións da Plataforma Loita se fagan realidade e, así, mellorar a calidade de vida dos nosos nenos e nenas e das súas familias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario