A Deputación de Pontevedra publica o primeiro aviso fitosanitario deste 2025 no que advirte da aparición das primeiras esporas de mildio
A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda comezar a preparar os equipos de tratamento antimildio, se ben aínda non é necesario aplicalos ante a non existencia de follas abertas
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar o primeiro aviso fitosanitario deste 2025 advertindo da aparición do primeiro esporanxio de mildio no captador de esporas instalado na súa viña. Malia iso, a Estación Fitopatolóxica Areeiro non recomenda comezar a aplicar tratamentos antimildio, posto que na gran maioría das plantas aínda non hai follas abertas, só xemas empezando a inchar, polo que, polo momento, só é aconsellable ir revisando os equipos de tratamentos para comprobar o seu bo estado de funcionamento.
No relativo ás froiteiras de folla caduca, o persoal técnico de Areeiro recomenda facer unha aplicación cun funxicida cúprico autorizado inmediatamente antes de que broten, co fin de reducir as posibilidades de que se instalen diferentes especies de fungos que todos os anos causan enfermidades nestas árbores nas Rías Baixas, como son a lepra do pexegueiro, o moteado nas maceiras, a antracnose das nogueiras ou bacteriosis como as que poden afectar aos kiwis. A institución provincial lembra, ademais, a importancia de respectar sempre as doses recomendadas e as limitacións climatolóxicas en canto a temperaturas baixas.
Por outra banda, a elevada humidade que hai no solo e no ambiente e tamén a presenza, máis ou menos temporal, de auga líquida no terreo favorecen as infeccións de Phytophthora spp que, en xeral, causan a podremia das raíces e do colo das plantas, co conseguinte murchado da vexetación e mesmo a morte de parte ou de todo o vexetal. Para conter as enfermidades causadas por este xénero de patóxenos é recomendable procurar ás plantas un ambiente o máis ventilado e seco posible, evitando que se acumule a auga na contorna das raíces. Ademais, desde Areeiro lembran que, cando se trate dunha especie que afecte aos froitos, como Phythophtora hibernalis nos cítricos, a froita afectada debe ser eliminada tanto da árbore coma do solo. Estas recomendacións tamén son válidas para conter a outro patóxeno que afecta ao sistema radicular como é Armillaria mellea.
Asemade, o persoal técnico de Areeiro avisa de que xa están a aparecer en moitas plantas varias especies do xénero Fusarium. Estes fungos vasculares, é dicir, que afectan aos tecidos condutores, poden contribuír ao debilitado e murchado das plantas, e mesmo levar á súa morte, como pode suceder en plantas de horta. Segundo as especies poden sobrevivir varios anos no solo, en restos de cultivo ou en plantas enfermas e soen verse beneficiados por solos con pH acedo, textura areosa e alta humidade, condicións todas elas propias das Rías Baixas. Neste caso, o persoal de Areeiro lembra que a prevención é fundamental na contención destes patóxenos, e por iso aconsella medidas de redución da humidade no solo e de eliminación de plantas mortas e dos seus restos para limitar a súa extensión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario