1 de mar. de 2025

BAIONA

O presidente da Xunta participou na celebración da XXIX Festa da Arribada  

• Alfonso Rueda enxalza o valor cultural da Arribada de Baiona e reivindica o bo momento do turismo galego 

•  Salienta o impacto desta celebración para a área de Ría de Vigo-Baixo Miño, con máis de 2 millóns de visitantes en 2024 (un 3% máis que o ano anterior) 


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe na celebración da XXIX Festa da Arribada de Baiona
Foto: X.G.

Infogauda / Baiona

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe na celebración da XXIX Festa da Arribada de Baiona (Pontevedra), que conmemora a chegada da carabela Pinta, liderada por Martín Alonso Pinzón, ás costas baionesas en 1493. Este episodio considérase a primeira noticia en Europa da chegada da expedición de Colón ao Novo Mundo: “Uns valentes que saíron do sur de España e que fixeron un descubrimento que fixo o mundo cambiase”, afirmou o presidente.  

 Rueda salientou o “privilexio de todos os galegos” por ser parte do percorrido histórico das carabelas na súa volta ao continente, e agradeceu a ilusión da organización e dos veciños por sumarse á conmemoración “dun anaco clave da nosa Historia”: “Esta é unha ocasión para reivindicar o labor dos que foron e os que lles foron sucedendo durante séculos e que marcaron a diferenza onde estiveron”, remarcou. 

 Sobre a Arribada, recoñecida como unha das 15 Festas de Interese Internacional de Galicia, o xefe do Executivo galego enxalzou o crecemento da festividade con cada nova edición, acadando máis de 200.000 visitantes na celebración de 2024, unha cifra récord: “Trátase dunha festa con esencia, unha tradición de hai moitísimo tempo que é o que explica que siga crecendo e que sexa unha festa de Interese Turístico Internacional”, salientou Rueda.  

 Neste senso, o presidente subliñou a importancia desta festa como parte da estratexia de desestacionalización turística da Comunidade, ofrecendo unha proposta baseada na tradición histórica, no descubrimento cultural e na diversificación xeográfica: “Aquí acollemos a todo o mundo, e temos que ter a intelixencia de saber atraer cada vez durante máis meses do ano, aproveitar máis os enormes recursos que temos”, apuntou. Así, Rueda puxo en valor o aliciente da Arribada para descubrir o enclave de Ría de Vigo-Baixo Miño, que rexistrou máis de 2 millóns de visitantes en 2024 (3% máis que o ano anterior), así como para percorrer o Camiño Portugués da Costa, parte da ruta xacobea que supón xa o 15% do total de peregrinos a Santiago de Compostela, e que “está a ter un comportamento moi bo nos últimos anos”.  

 Sobre a situación do turismo en Galicia, Rueda reivindicou o “gran momento” do sector, cun récord histórico de visitantes en 2024 (máis de 8,2 millóns de persoas); cun máximo de 13,6 millóns de noites na Comunidade o ano pasado; e cun aumento na chegada de turistas de fóra do noso país, que representan xa o 30% do total: “Estes primeiros meses auguran que vai ser un 2025 espectacular. Cábenos todo o mundo, non nos sobra ninguén”, destacou o presidente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario