11 de mar. de 2025

ECONOMÍA

O TSXG recoñece o dereito do persoal de Ilunion a que o tempo do bocadillo sexa computado como tempo efectivo de traballo 

• A sentenza considera que a diferenciación establecida pola empresa en base á data de contratación supón vulneración do dereito de igualdade

Infogauda / Vigo

 O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza previa do Xulgado do Social número 4 de Vigo na que se recoñecía o dereito do persoal de Ilunion Servicios Industriales, centro especial do emprego do grupo ONCE, a que o tempo de descanso para o bocadillo sexa computado como tempo efectivo de traballo. A sentenza desestima o recurso de suplicación presentado pola empresa e establece que a política diferenciada aplicada por Ilunion en función da data de contratación das persoas traballadoras supón unha vulneración do principio de igualdade de condicións laborais. 

 Segundo explican dende a representación da CIG na empresa, a orixe do conflito é aplicación dunha política desigual sobre o tempo de bocadillo: até xuño de 2017 incluía o tempo de bocadillo (20 minutos) como parte do tempo efectivo de traballo para as persoas empregadas que realizaban xornadas continuadas de máis de seis horas, mais a partir desa data comezou a introducir nos novos contratos unha cláusula segundo a cal este descanso non se consideraría tempo de traballo efectivo, mantendo esa consideración só para as persoas traballadoras contratadas previamente. 

 “Este cambio provocou unha discriminación dentro da propia empresa, xa que un persoal vía reducida a súa xornada real respecto doutro con idénticas funcións; por iso dende a CIG, a través do presidente do comité, decidimos presentar unha demanda de conflito colectivo defendendo que a nova política da empresa incumpría o principio de igualdade e discriminaba as persoas traballadoras de nova contratación”

 O Xulgado do Social número 4 de Vigo, en sentenza de setembro de 2024, deulle a razón ás persoas traballadoras, recoñecendo que o tempo de bocadillo debía computarse como tempo efectivo de traballo para todas, sen importar a data de contratación. Non obstante, Ilunion interpuxo un recurso de suplicación ante o TSXG, argumentando que o Estatuto dos Traballadores/as (artigo 34.4) establece que os descansos só se consideran tempo de traballo efectivo se así o prevé o convenio colectivo ou o contrato de traballo, e que a súa política contractual era legal. A empresa tamén alegou que, ao longo do ano, todo o persoal facía o mesmo número de horas efectivas, aínda que a distribución fose diferente.

Igualdade de condicións para todo o persoal 

 Agora o TSXG desestimou o recurso de Ilunion e confirmou a sentenza do Xulgado de Vigo, establecendo que a política diferenciada da empresa carece de xustificación legal ou convencional. Para iso, o tribunal baseouse nos seguintes argumentos: 

- O artigo 48 do convenio colectivo aplicábel non distingue entre persoas traballadoras en función da súa data de contratación, polo que a empresa non pode aplicar criterios distintos sobre o tempo de bocadillo. 

- A empresa recoñecía este tempo como traballo efectivo en contratos antigos, mentres que nos novos introducía unha cláusula que o excluía, sen unha xustificación clara. 

- Segundo a doutrina do Tribunal Supremo sobre igualdade no ámbito laboral, unha diferenza de trato entre persoas empregadas só pode ser válida se hai unha razón obxectiva e proporcionada, algo que neste caso non se acredita. 

 Por estes motivos, o TSXG declarou nulo o criterio diferenciado da empresa e estableceu que todas as persoas traballadores, sen importar a súa data de contratación, deben ter recoñecido o tempo de bocadillo como tempo efectivo de traballo. 

Avance na defensa dos dereitos laborais 

 A sentenza do TSXG supón un importante precedente para garantir a igualdade de condicións laborais en Ilunion e noutras empresas con políticas similares. O avogado da CIG que elaborou a demanda considera que esta decisión xudicial evita unha discriminación inxustificada e representa un avance na defensa dos dereitos laborais. Pola súa parte, a central sindical celebra a resolución, subliñando que “se recoñece un dereito fundamental que a empresa pretendía suprimir de forma unilateral”. 

 Con todo, Ilunion aínda non confirmou se presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. De facelo, deberá facelo dentro dun prazo de dez días hábiles desde a notificación da sentenza. 

 Ilunion, empresa subcontratada en labores de loxística e montaxe nas principais compañías de compoñentes da automoción galega, conta cunhas 730 persoas traballadoras na provincia de Pontevedra e réxese polo convenio colectivo de Centros de Atención a Persoas con Discapacidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario