14 de feb. de 2025

O ROSAL

Os Venres Rebuldeiros volven con contacontos, música e monicreques para facer gozar á cativada  

 O Concello organiza durante os meses de febreiro e marzo tres novas actividades gratuítas para fomentar a creatividade e o amor pola lectura entre nenos e nenas  

 A primeira cita será o vindeiro 21 de febreiro ás 18.00 h na Biblioteca municipal co espectáculo ‘Rosalía ten poderes’   



Infogauda / O Rosal

 Os Venres Rebuldeiros regresan ao Rosal con contacontos, música e monicreques para que nenos e nenas desfruten de tardes cheas de aprendizaxe e diversión. O Concello prepara para os meses de febreiro e marzo tres novas actividades de balde para fomentar a creatividade e o amor pola lectura entre a cativada.  

 “Infancia e cultura son dous piares fundamentais para o noso Concello. Con esta iniciativa buscamos ofrecer á rapazada experiencias enriquecedoras que lles axuden a descubrir o poder das historias, da música e da creatividade”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Co Día de Rosalía á volta da esquina, as actividades arrancarán o vindeiro 21 de febreiro con ‘Rosalía ten poderes’, un espectáculo no que Manuela guiará a nenos e nenas nun percorrido pola vida e obra de Rosalía de Castro, dando a coñecer os seus valores. A través de pequenos contos e narracións dinámicas, descubrirán a capacidade que tivo Rosalía para facer visible a literatura feita por mulleres en particular e a lingua e a cultura galegas en xeral. Espectáculo adaptado a diferentes idades de educación infantil e primaria.  

 Xa en marzo os Venres Rebuldeiros volverán o día 14 co obradoiro musical ‘Do, re, mi, fa... sol!, no que Fátima Martínez familiarizará á cativada de máis de 3 anos cos conceptos musicais dun xeito desenfadado e divertido. O 28 de marzo será a quenda o obradoiro de monicreques de calcetín, unha divertida actividade que incluirá todos os materiais necesarios, con prazas limitadas e para a que será necesaria inscrición previa chamando ao teléfono 986 625 000. O prazo de inscrición abrirase a primeira semana de marzo.  

 Todas as sesións dos Venres Rebuldeiros celebraranse na Biblioteca municipal ás 18.00 horas. Estas actividades, de balde, están enmarcadas na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario