O papel dos homes no feminismo, a reflexión dos ‘Cafés en Igualdade’
• Será este xoves 27 de febreiro da man do docente Manoel Ucha Díaz no bar San Martiño, de Martín, ás 17.30 h. Entrada de balde
Infogauda / O Rosal
O camiño cara a unha sociedade igualitaria require aliados en todos os espazos da vida. Con esta premisa, o Concello de O Rosal organiza unha nova sesión dos ‘Cafés en Igualdade’, que nesta ocasión abordará o tema 'Homes feministas. Aliados na vida', da man do docente de educación secundaria Manoel Ucha Díaz. O encontro terá lugar este xoves 27 de febreiro, ás 17:30 horas no bar San Martiño, de Martín.
Deste xeito, os ‘Cafés en Igualdade’ volven xerar un espazo de aprendizaxe e reflexión sobre a igualdade de xénero, os coidados e o feminismo, achegándose a situacións reais da vida cotiá da veciñanza. Neste novo encontro, aberto a todos os públicos, analizarase o papel dos homes na loita pola igualdade e a súa implicación como axentes de cambio.
A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia deste tipo de actividades para fomentar o diálogo e a reflexión colectiva. "A igualdade de xénero non é unha loita exclusiva das mulleres, é unha responsabilidade de toda a sociedade. Estes espazos de conversación e aprendizaxe axudan a crear unha comunidade máis xusta e equitativa", resaltou.
Os ‘Cafés en Igualdade’ contan co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario