1 de feb. de 2025

GALICIA

A Xunta de Galicia recibe 25 ofertas para a redacción dos proxectos da segunda fase do Plan de Sendas de Galicia 

 Con estes contratos redactaranse os proxectos para abordar 114 itinerarios de alta prioridade nas catro provincias galegas, que permitirán estender a actual rede de sendas de Galicia noutros 120km ata 2027, cun investimento total de preto de 70M€.


Roberto José Álvarez Carrero, alcalde de A Guarda, xunto a Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o director territorial de infraestruturas, José Manuel González González; e membros do goberno municipal, no acto de presentación, o día 19 de decembro de 2024, desta nova actuación
Fotos: X.G.


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia recibiu un total de 25 ofertas para a redacción dos proxectos dos itinerarios de alta prioridade incluídos na segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que suporá estender a actual rede de sendas noutros 120km ata 2027, cun investimento total de preto de 70M€. Esta nova fase do plan inclúe un total de 114 itinerarios nas catro provincias galegas, a financiar con fondos europeos FEDER 21/27.  

 No caso dos proxectos de sendas peonís e ciclistas para as provincias de Lugo e A Coruña, cun prezo de licitación de 780.559€, a Xunta recibiu 12 ofertas, mentres que para os proxectos das sendas das provincias de Ourense e Pontevedra, nos que a Xunta inviste 1,1M€, houbo 13 ofertas. A previsión da Administración autonómica é que os proxectos poidan comezar a redactarse a mediados deste 2025.  

 A Xunta leva case 300km de itinerarios peonís e ciclistas coa anterior fase do Plan de Sendas de Galicia, que recentemente foi premiado pola UE. A través deste plan, o Goberno galego está a dotar de rutas accesibles ás estradas autonómicas, permitindo a circulación separada de vehículos e peóns, mellorando así  a seguridade viaria ao proporcionar un itinerario cómodo e seguro ás persoas, ademais de fomentar un estilo de vida máis saudable.  

 As lonxitudes e orzamentos definitivos destes itinerarios concretaranse nos proxectos que se redacten, pero partindo da planificación xa proxectada nas catro provincias. Deste xeito, na provincia da Coruña, poden destacarse a planificación de novos itinerarios entre Arteixo e Lañas;  entre Oleiros e Cambre, en Cambre e Culleredo ou en Boqueixón.  

 Por outra banda, na provincia de Lugo prevese, entre outros, novos itinerarios en Ombreiro (Lugo), en Guitiriz, en Parga, en Monforte de Lemos ou en Sarria. No caso de Ourense, destacan as previstas na capital da provincia e na zona do Cumial.  

 E en canto a provincia de Pontevedra, actuarase  no impulso de sendas en Vigo, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Poio, Moaña, Vilaboa, Meaño, Cangas, Bueu, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, Tui, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Lalín, Vila de Cruces ou A Estrada.  

Seguridade viaria, mitigación do ruído e intervencións e muros e noiros 

 No mesmo proceso de licitación, a Axencia Galega de Infraestruturas incluíu tamén a redacción dos proxectos para mellora da seguridade viaria en estradas autonómicas, para actuacións de mitigación do ruído e outro para actuacións preventivas en muros e noiros, que tamén contan con financiación de fondos europeos FEDER 21/27.  

 En concreto, para a redacción dos proxectos de mellora da seguridade viaria, que prevén a eliminación de TCAs (Treitos de Concentración de Accidentes) e TAPMs (Treitos de Alto Potencial de Mellora) recibíronse 28 ofertas. No caso dos das provincias de Coruña e Lugo, cun prezo de licitación de 524.967€, presentáronse 14 ofertas de empresas, e para os proxectos das provincias de Ourense  e Pontevedra, cun orzamento de licitación de 619.706€, houbo tamén 14 ofertas.  

 Por outra banda, para a redacción dos proxectos de intervencións preventivas en muros e noiros, cun orzamento de licitación de 543.679€, houbo 10 ofertas. E para a redacción dos proxectos de actuacións de mitigación do ruído, cun prezo de licitación de 353.987€, presentáronse 3 ofertas de empresas.  Para todos estes proxectos, a previsión da Xunta é tamén que poidan comezar a redactarse a mediados deste 2025.

Ningún comentario:

Publicar un comentario