10 de feb. de 2025

ECONOMÍA

Masivo rexeitamento do persoal de Pescanova á negociación dun convenio de ámbito estatal 

• A CIG, CUT e USO celebraron ante unha concorrida asemblea de persoas traballadoras para informar sobre os plans da empresa de alimentación 


A de onte foi a primeira ocasión na que o persoal afectado pola modificación do ámbito de negociación puido coñecer con detalle os cambios que pretende introducir a empresa
Fotos: CIG


Infogauda / Vigo 

 Os cadros de persoal de Nueva Pescanova amosaron este domingo o seu rexeitamento á intención da empresa de negociar un convenio colectivo de grupo a nivel estatal que deixe sen efecto os convenios de centros de traballo (Arteixo, Chapela e O Porriño). A CIG, CUT e USO celebraron onte unha concorrida asemblea aberta de persoas traballadoras en Redondela para informar sobre os plans da dirección da compañía de alimentación, na que se puxo enriba da mesa a posibilidade de convocar mobilizacións. 

 A de onte foi a primeira ocasión na que o persoal afectado pola modificación do ámbito de negociación puido coñecer con detalle os cambios que pretende introducir a empresa, tal e como sinalou a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez. A responsábel sindical salienta tanto a importante asistencia de persoas traballadoras á asemblea (máis de 300) como a súa “enérxica oposición” aos plan de Pescanova de eliminar os convenio de centro de traballo. 

 “O persoal amosou o seu cabreo porque até o de agora non se lle pediu a súa opinión, cando se trata dunha modificación que vai afectar directamente as dúas condicións laborais”. Martínez tamén denuncia que os sindicatos estatais CCOO e UGT seguen a trasladarlle ás persoas traballadoras que os convenio de centro non se eliminarán no caso de que non se haxa acordo estatal. “Isto é mentira, porque do contrario non terían asinado comezar a negociación; e temos o convencemento de que xa teñen pactado os termos do convenio, até o punto de que CCOO e UGT sosteñen extraoficialmente que en tres meses haberá un convenio de grupo, cando este tipo de negociacións adoitan alongarse máis no tempo”. 

 Estas sospeitas acenderon aínda máis os ánimos das persoas empregadas de Pescanova, que durante a asemblea expresaron a súa dispoñibilidade a desenvolver mobilizacións para evidenciar o seu rexeitamento aos plans da empresa e a como se está a levar a cabo o proceso, sen consultar para nada coas persoas afectadas. “Dende as tres centrais sindicais comprometémonos a valorar a proposta”, adianta a secretaria nacional da FGAMT-CIG. 

 Martínez explicou que este martes día 11 terá lugar a primeira xuntanza da mesa negociadora do convenio de grupo a nivel estatal, tras a súa constitución o pasado 27 de xaneiro. O encontro celebrarase no hotel Porta do Camiño de Santiago ás 11:00 horas. A mesa está integrada por 5 representantes de CCOO, outros 5 da UGT e 3 da CIG. “A pesar de que temos unha representación minoritaria imos tratar de impedir que a maioría impoña un convenio prexudicial para os intereses dos cadro de persoal e imos manter informadas en todo momento as persoas traballadoras”.  

 Finalmente, a responsábel sindical agarda que as vindeiras xuntanzas teñan lugar en Galiza -onde se atopa a sede central da empresa- xa que durante a constitución da mesa as organizacións estatais propuxeron que as negociacións sexan itinerantes. “O centro de decisión da empresa está aquí, e polo tanto a negociación ten que darse aquí”, sentencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario