BALONMÁN FEMININO
María Palomo, convocada coas Guerreras para o Torneo Internacional de Manzanares
• A pivote do Mecalia Atlético Guardés disputará coa Selección Española os partidos ante Arxentina e Austria, que se celebrarán o 6 e 8 de marzo, en Manzanares
• Trátase dunha cita preparatoria para a eliminatforia de clasificación ao Mundial 2025 do próximo mes de abril
• Palomo foi a derradeira incorporación de Ambros Martín, quen convocou a 18 xogadoras combinando veteranas e novos talentos
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés terá representación na próxima cita das Guerreras de Ambros Martín. A pivote María Palomo foi convocada para a seguinte competición da Selección Española de balonmán feminina, o Torneo Internacional de Manzanares, onde se medirá ás seleccións arxentina e austríaca entre o 6 e 8 de marzo.
A de Manzanares será unha cita de preparación para a Selección, que o próximo mes de abril xogará ante Croacia a elininatoria clasificatoria para o Campionato do Mundo de 2025 (que se celebrará entre novembro e decembro en Alemaña e Países Baixos). Así, María Palomo participará nos dous partidos previstos para as Guerreras neste Torneo, contra as seleccións de Arxentina e Austria, o 6 e 8 de marzo respectivamente. A pivote do Guardés porá rumbo a Manzanares o vindeiro 2 de marzo para iniciar tódolos preparativos na que será a súa primeira concentración co equipo nacional sénior.
Palomo é a derradeira peza dunha convocatoria de 18 xogadoras, nove delas militantes en sete equipos diferentes da Liga Guerreras Iberdrola, que confeccionou o seleccionador Ambros Martín combinando veteranas con novos talentos. Este último é o caso da madrileña, elemento chave no desempeño do Mecalia Atlético Guardés esta tempada, posto que é líder indiscutible da Liga dende as súas primeiras xornadas e va camiño de disputar a fase final da Copa de la Reina. Así quixo recoñecerse o seu traballo dos últimos anos, tanto dentro do equipo galego coma na base da mesma Selección, dende o conxunto nacional, que a considera un activo importante no seu próximo obxectivo: certificar a súa participación no mundial deste ano.
María Palomo: “É todo un privilexio e un regalo”
A pivote do Mecalia Atlético Guardés, María Palomo, manifestou que afronta esta primeira concentración coa Selección Española “con moitas, moitas ganas e tamén moitos nervios”. “Ao final ir coas Guerreras é un premio, eu creo, de todo o ano e de todos estes anos”, indicou a xogadora madrileña, agradecida de ter recibido esta oportunidade.
Polo demais, María deixou claras as súas ganas de aprender das demais convocadas en Manzanares. “Para min é unha experiencia moi ilusionante, teño moitas ganas de aprender con elas e de gozar”, explicou a xogadora. Palomo é consciente da importancia de ser considerada un dos novos talentos merecedores de compartir espazo con xogadoras moi veteranas, sabe que estará con “xente de moito nivel, e poder estar alí adestrando con elas, a verdade é que para min é todo un privilexio e un regalo”.
Lista completa de convocadas:
Porteiras: Merche Castellanos (Costa del Sol Málaga), Nicole Wiggins (OGC Nice Handball) e Nicole Morales (AtticGo Elche).
Centrais: Alicia Fernández (CS Rapid Bucuresti) e Carmen Campos (BVB Dortmund).
Lateral esquerdo: Carmen Arroyo (Super Amara Bera Bera), Ester Somaza (KH-7 Granollers) e Danila So Delgado (CS Gloria 2018 Bistrita).
Lateral dereito: Paula Arcos (CS Gloria 2018 Bistrita), Seynabou Mbengue (CS Gloria 2018 Bistrita) e María O’Mullony (Caja Rural Aula Valladolid).
Estremo esquerdo: Jennifer Gutiérrez (RK Krim Mercator) e Ona Vegué (HSG BlombergLippe).
Estremo dereito: Paulina Pérez Buforn (Conservas Orbe Zendal Porriño) e Anne Erauskin (Super Amara Bera Bera).
Pivotes: Lyndie Tchaptchet (Super Amara Bera Bera) y Sara Valero (JDA Bourgogne Dijon) e María Palomo (Mecalia Atlético Guardés).
Ningún comentario:
Publicar un comentario