A Deputación reúne na web do Museo de Pontevedra todos os recursos dispoñibles sobre Castelao
• A sección dedicada ao Ano Castelao contén a axenda de actividades, a oferta de visitas guiadas, os materiais dixitais e impresos e as publicacións editadas polo Museo
Infogauda / Pontevedra
O sitio web do Museo de Pontevedra acaba de abrir un espazo no que reúne todos os recursos e os pon a disposición da sociedade na conmemoración do Ano Castelao. Desde a consulta das cerca de 2.000 obras que conforman a colección de fondos artísticos do intelectual galeguista custodiados no Museo, ata as actividades que se desenvolven este ano, pasando por todos os recursos dixitais e impresos lanzados polo Museo, poden consultarse en https://museo.depo.gal/ano-castelao.
En 2025 celébrase o 75º cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O artista, escritor, intelectual e político galeguista está intimamente ligado ao Museo de Pontevedra desde os seus inicios: foi un dos seus patróns fundadores e nel custódiase unha parte fundamental do seu traballo artístico, ademais da súa biblioteca, documentos e obxectos da súa actividade literaria, como investigador e como líder do galeguismo.
O Museo dedícalle dúas salas na terceira planta do edificio que leva o seu nome, nas que se mostran unha selección de máis de 300 obras que dan conta da súa faceta de artista, escritor, intelectual e político, desde os seus primeiros debuxos publicados ata as obras que fixo no exilio en Bos Aires, xa nun delicado estado de saúde.
Boa parte da súa obra máis significativa está exposta no Museo: as estampas que depositou no Museo o propio Castelao en 1931, os orixinais do Álbum Nós recuperados en 2016 polo Museo despois de décadas nos que se daban por perdidos, os álbums de guerra que el mesmo legou ao Museo para a súa entrega tras a recuperación da Autonomía, o manuscrito de Sempre en Galiza, óleos, caricaturas, carteis, ás máscaras de Os vellos non deben de namorarse... O Museo é a mellor porta de entrada posible a todas as dimensións desta figura clave da Galicia do século XX.
Recursos reunidos nun mesmo espazo
O Museo de Pontevedra ofrece ao longo de 2025 unha ampla programación dedicada a Castelao. A información sobre toda esta oferta de contidos e actividades reúnese agora nun só espazo web, que dá acceso directo a todos estes recursos. Aí se atopa, por exemplo, a información das visitas guiadas que realiza o Museo o primeiro martes de cada mes ás 18:00 h, para as que é preciso inscribirse previamente. A próxima será o martes 4 de marzo e a inscrición pode facerse desde o 24 de xaneiro a través da web. Ademais, é posible solicitar visitas para grupos concertados fóra dese horario.
O Museo dispón tamén dunha serie de recursos interactivos. A ferramenta “Explora a colección” permite consultar as 1.830 obras do fondo artístico da colección Castelao. E a sección de visitas virtuais permite facer un itinerario virtual temático polas salas de Castelao no edificio que leva o seu nome.
A través da web é posible acceder a interesantes recursos divulgativos. A sección “Coñeces o teu” contén textos e vídeos que afondan na figura do artista de Rianxo, en aspectos como o seu tratamento da emigración ou a implicación de Castelao na colocación da pontevedresa fonte da Ferrería no seu emprazamento actual. Tamén se poden descargar recursos didácticos, xunto coa información sobre as actividades que oferta o Museo para grupos escolares.
Un último epígrafe da sección do Ano Castelao na web do Museo está dedicado ás publicacións sobre a súa figura que editou o Museo de 1999 á actualidade. Ademais das referencias das publicacións que se poden adquirir no Edificio Castelao, varias destas obras pódense descargar en PDF na mesma páxina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario