7 de feb. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO 

O Mecalia Atlético Guardés volve a Barakaldo para o encontro ligueiro

• Este sábado ás 19:30 horas, na pista onde conseguiu o pase á fase final da Copa da Raíña a pasada semana 

• As de Ana Seabra buscarán prolongar o seu liderado na Liga cunha nova vitoria na pista do colista 

• Non hai baixas adicionais a Elena Martínez e Ania Ramos, quen foi operada con éxito este luns da súa rotura na man esquerda 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés volve a Barakaldo. Tras lograr a pasada semana o pase á fase final da Copa da Raíña, as de Ana Cristina Teixeira Seabra visitan este sábado de novo ao Balonmano Zuazo Femenino para disputar a décimo sexta xornada da Liga Guerreras Iberdrola. Será ás 19:30 horas na pista do Polideportivo Lasesarre, na que o Mecalia Atlético Guardés buscará repetir as boas sensacións da pasada semana e sumar unha vitoria coa que seguir prolongando o seu liderado ligueiro. Non hai novidades con respecto á convocatoria, na que se manteñen as baixas de Elena Martínez e Ania Ramos, quen foi operada con éxito este luns da súa recente rotura de dous ósos na palma da man esquerda. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro coa confianza dos seus bos resultados recentes. O equipo da Sangriña colleitou dúas importantes vitorias a pasada semana: a primeira delas, precisamente na cancha do Zuazo, outorgoulle unha praza na fase final da Copa da Raíña (17-22); mentres que a do sábado supuxo o seu décimo cuarto triunfo na Liga e permitiulle ampliar a súa vantaxe no liderado (32-23, ante o Balonmano Morvedre na Sangriña). 

 Dous folgados marcadores ao seu favor que acreditan o seu bo momento, se ben as de Ana Cristina Teixeira Seabra non sentiron en todo momento que a súa superioridade se trasladase á pista. En ambos partidos tiveron que igualarse a rivais moi atentos, dispostos a pelexar e que non perdoaban, amosando un alto nivel de desempeño ofensivo que nada ten que ver coas súas baixas posicións na clasificación da competición. A pesares dos resultados positivos e dunha capacidade de recuperación impresionante nas segundas partes, o Mecalia Atlético Guardés non quere permitirse os erros que demostrou nas primeiras metades de ambos encontros. As perdas de balón, o desacerto no tiro e outras imprecisións no ataque foron os principais obxectivos dos últimos adestramentos na Sangriña, e este sábado espérase seguir mellorando a confianza no traballo propio sobre a pista en Barakaldo.   

 Polo demais, o plantel do Mecalia Atlético Guardés continúa marcado polas lesións. Ania Ramos foi operada este luns con éxito da súa rotura dos ósos cuarto e quinto metacarpianos na palma da man esquerda, e pronto coñeceranse máis detalles sobre a súa rehabilitación e un tempo estimado ata o seu regreso ás pistas. Uniuse así como baixa habitual a Elena Martínez, quen avanza tamén favorablemente na recuperación da súa rotura de ligamento cruzado no xeonllo dereito. Non viaxará ningunha xogadora da base do equipo a Barakaldo. 

 Pola súa parte, o Zuazo Feminino chega ao encontro como pechacancelas na Liga, con 14 derrotas e unha única vitoria. Pese á súa posición, as de Joseba Rodríguez amosaron xa a semana pasada ante o Mecalia Atlético Guardés a súa fame por acompañar a ese triunfo con outro resultado positivo, e non cabe ningunha dúbida de que buscará repetir a fórmula que conseguiu crear esas incomodidades e imprecisións entre as filas do Mecalia Atlético Guardés na súa casa. 

 Esta é a terceira vez que se ven as caras ambos equipos esta tempada, contando o encontro copeiro da pasada semana e o partido de terceira xornada ligueira de setembro na Sangriña (30-20). As de Ana Cristina Teixeira Seabra saben que non hai dúas sen tres, e despois da abraiante serie de resultados que acumulan, non pode estar máis claro o seu obxectivo de prolongala e encarar coa mesma determinación a parte final da tempada.   

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Non podemos baixar o noso nivel de enfoque e concentración” 

 A técnica do Mecalia Atlético Guardés coincide en que non será un partido sinxelo. Sabe que este choque non será coma o da pasada semana, xa que “vale dous puntos, e Zuazo ten moitas ganas de conseguilos”. 

 Polo demais, Ana Cristina Teixeira Seabra insiste unha xornada máis en que a posición na táboa non indica que estea todo o peixe vendido. “Aínda que teoricamente somos favoritos - comeza - sabemos que non podemos baixar o noso nivel de enfoque e concentración”. A preparadora do Mecalia Atlético Guardés traballou moito coas súas “para mellorar e corrixir os erros do último partido”, coma as xa mencionadas perdas de balón e faltas na eficacia ofensiva, “que nos crearon moitas dificultades no xogo do pivote”. 
      
AXENDA
 
Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 16 

Balonmano Zuazo Femenino – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 8 de febreiro, ás 19:30 horas, no Polideportivo Lasesarre (Barakaldo) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario