A camelia protagonista esta fin de semana en Tui
• Setenta e cinco expositores galegos, portugueses e asturianos presentarán no claustro da catedral máis de 125 metros cadrados dedicados a esta flor
Infogauda / Tui
O claustro da catedral de Tui acollerá esta fin de semana a X Mostra da Camelia organizada pola asociación Amigos Tudenses da Camelia (ATUCA), coa colaboración do Concello de Tui, xunto a outras entidades.
Setenta e cinco expositores de Galicia, Portugal e Asturias presentarán gran variedade de camelias e outros produtos relacionados con esta flor, na que é a segunda cita do calendario anual de mostras da Sociedade Española da Camelia. A exposición tudense incide este ano na presenza precisamente da camelia na decoración do coro catedralicio datada en 1699.
O acto inaugural terá lugar ás 12.30 h contando coa intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero; da presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero; da vicepresidenta da Internacional Camellia Society, Pilar Vela; do presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores; do concelleiro de Turismo do concello de Valdés (Asturias), Ismael González Suárez; do presidente de ATUCA, José Carlos Montes; e do deán da catedral, José Diéguez Dieppa.
O horario de visita será o sábado de 16.30 h a 20.30 h e o domingo de 10 h a 14 h e de 16.30 h a 20 h.
O sábado ao mediodía contarase coa actuación do grupo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui e o domingo antes do peche da mostra, a Rondalla de Pexegueiro realizará un pasacalles polo centro urbano e rematará actuando na praza de san Fernando.
Este será o cuarto ano en que a Mostra da Camelia se celebra no claustro catedralicio, sendo un evento único ao celebrarse nun espazo tan singular coma este.
Ningún comentario:
Publicar un comentario