16 de xan. de 2025

GONDOMAR

Fondos europeos  

Abel Losada destaca a aposta do Goberno por levar os fondos europeos aos concellos a través do novo Plan EDIL  

Lembra que, como gran novidade, a convocatoria abre a porta a que os municipios de menos de 20.000 habitantes opten por primeira vez a este financiamento agrupándose nas denominadas Áreas Urbanas Funcionais  

É o caso de Gondomar, que traballa nun proxecto xunto con Baiona e Nigrán 

O programa, que substitúe ás EDUSI, redobra o financiamento e destina a Galicia máis de 170 millóns de euros 

“O Plan EDIL é unha oportunidade única para responder aos retos socioeconómicos de Galicia, como o despoboamento, a dixitalización e a transición cara a un modelo económico máis sostible", afirmou Losada 


O subdelegado visitou hoxe o concello de Gondomar e mantivo un encontro de traballo co alcalde, Paco Ferreira, e con membros do Goberno local no que coñeceu os diferentes proxectos - entre eles a biblioteca  municipal a instalar na Casa Peralba - nos que traballa o Concello para captar os fondos do EDIL

Foto: S. do G.

Infogauda / Gondomar 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, puxo en valor o compromiso do Goberno de España por facer chegar os fondos europeos aos concellos coa posta en marcha da convocatoria do novo Plan EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local), impulsado polo Ministerio de Facenda. Este plan, dotado con máis de 170 millóns de euros en Galicia, supón unha oportunidade histórica para o municipalismo da provincia e de toda a Comunidade, xa que, como novidade, abre a porta a que os municipios de menos de 20.000 habitantes poidan optar por primeira vez a este financiamento agrupándose nas denominadas Áreas Urbanas Funcionais (AUF). 

 É o caso do Concello de Gondomar, que se agrupa nunha AUF xunto con Baiona e Nigrán. O subdelegado visitou hoxe este municipio do Val Miñor e mantivo un encontro de traballo co alcalde, Paco Ferreira, e con membros do Goberno local no que coñeceu os diferentes proxectos nos que traballa o Concello para captar os fondos do EDIL. Así, visitaron a Casa Peralba, un inmoble adquirido polo Concello que proxecta reformar con fondos do Plan EDIL do Val Miñor para destinala a biblioteca municipal. O proxecto, que tamén contempla a rehabilitación da contorna, prevé un investimento aproximado duns 2,7 millóns de euros. 

 “Se coa estratexia EDUSI logramos que máis de 80 millóns de euros chegasen aos concellos de máis de 20.000 habitantes, agora abrimos as portas aos municipios máis pequenos para que deseñen, planifiquen e executen os seus proxectos segundo as necesidades da súa veciñanza, e ademais redobramos o financiamento ata os 174 millóns de euros para Galicia”, sinalou Losada, que cualificou o Plan EDIL como “unha nova oportunidade histórica para os concellos galegos”. 

 Ademais, destacou que esta convocatoria supón un salto cualitativo non só polo incremento da dotación orzamentaria respecto ás EDUSI, senón porque reafirma o modelo de xestión directa por parte dos concellos. “A través do Plan EDIL, son as propias entidades locais as que lideran os seus proxectos, sen intermediacións, o que contrasta co modelo da Xunta de Galicia na xestión dos fondos FEDER, que non permite unha chegada directa aos municipios”, explicou. 

 “O Plan EDIL é unha mostra máis da aposta do Goberno pola cohesión territorial e o progreso sostible. Estes fondos son fundamentais para abordar retos como o despoboamento, a dixitalización ou a transición cara a un modelo económico máis sostible, clave para o futuro da provincia de Pontevedra e de Galicia”, asegurou Abel Losada. 

Financiamento crecente fronte ao estancamento autonómico 

 Abel Losada tamén fixo fincapé no incremento continuo do financiamento estatal regrado aos concellos a través dos fondos europeos e da Participación nos Ingresos do Estado (PIE), que medra ano tras ano, reforzando a capacidade financeira das entidades locais”. Pola contra, criticou que “o Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia permaneza conxelado dende hai 15 anos, o que evidencia unha falta absoluta de compromiso co desenvolvemento local”. 

 O subdelegado animou a todos os concellos que teñan cabida neste programa a presentar os seus proxectos a esta nova convocatoria, que consolida o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co progreso sostible. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario