A OMIX Tomiño segue impartindo os obradoiros sobre educación afectivo-sexual no IES Alonso Ríos
• Para completar a actividade, os expertos e expertas convidan ás familias a unha xuntanza, o día 7 de febreiro. de 17 a 19 horas en Goián
Infogauda / Tomiño
“Así si”, o Obradoiro de Educación Afectivo-Sexual con perspectiva de xénero que está a impartir a OMIX do Concello de Tomiño (a través da consultoría “Igualadas”) no IES Antón Alonso Ríos, é o resultado dun proxecto educativo baseado no adestramento da comunicación asertiva como a primeira ferramenta que se precisa para construír relacións afectivas e sexuais sas.
Os obxetivos fundamentais destes talleres son que os e as adolescentes aprendan a identificar relacións baseadas en desigualdades e comportamentos abusivos e submisos; fomentar as relacións afectivas baseadas na igualdade e o respecto mutuo, e educar na prevención das enfermidades de transmisión sexual e dos embarazos non desexados, son outros dos obxectivos deste obradoiro.
Participación das familias
Igualadas quere convidar tamén ás familias do alumnado para que o obradoiro poida ser eficaz. “No I.E.S. Antón Alonso Ríos, coma noutros centros, atopámonos con mozas e mozos que amosan moito interese na educación afectivo-sexual, que prantexan dúbidas sobre qué é o aceptable nunha relación, sobre o porno, Only Fans, a estandarización comercial dos corpos, e/ou se o que sinten é normal. O papel de IGUALADAS no deseño e desenvolvemento deste e doutros proxectos propios é acompañar as mozas e mozos neste momento tan importante das súas vidas para que teñan unha visión clara sobre qué é violencia e, sobre todo, para que teñan claro que todo o que non é bo trato non é aceptable en ningunha relación”, explican desde a consultora.
Asemade, aseguran os técnicos e técnicas que “se falamos de educar en igualdade e rexeitar calquera forma de violencia, non nos podemos olvidar do papel fundamental das familias. O desenvolvemento deste proxecto, non tería sentido sen a participación das familias da comunidade educativa do I.E.S.Antón Alonso Ríos; por iso, a OMIX de Tomiño quere invitarvos a unha sesión- obradoiro onde imos analizar o noso papel na educación en igualdade e a prevención das violencias machistas e falaremos de cómo escoitar, valida e e acompañar ás nosas fillas e fillos, de dar exemplo, recoñecer os nosos erros e transmitir seguridade, facilitar ferramentas e información, educar no respecto, a corresponsabilidade afectiva e poñer límites e ensinar a dicir non”.
Por todo isto, a consultora organiza unha reunión cos pais e nais, o día 7 de febreiro, de 17 a 19 horas, na Praza da Cultura (anexo do mercado de Goián).
Actividade dirixida: ás familias de toda a comunidade educativa do I.E.S. Antón Alonso Ríos, de Tomiño.
Onde: praza da Cultura, de Goián.
Cando: 7 de febreiro de 2025, de 17:00 a 19:00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario