21 de xan. de 2025

TOMIÑO

Tomiño aposta pola música na súa Primavera      Cultural 2025  

 Entre os actos programados inclúese o “Mes da Muller”, en marzo, con dúas propostas teatrais contra a violencia de xénero  




Infogauda / Tomiño 

 Recitais poéticos, teatro, canto, danza e, sobre todo, música, é a aposta do Concello de Tomiño para a Primavera Cultural 2025. 

 Música coral e de autor; espectáculos musicais para público infantil e adulto conforman a programación deste ano, na que tamén haberá un oco para a maxia, sen esquecer o Venres de Foliada no Entroido, nin os actos do Mes da Muller (marzo), e das Letras Galegas (maio).

 “Na nosa axenda cultural de primavera tentamos incluír unha serie de actividades variada e atractiva, que englobe diferentes xéneros artísticos, dirixidos na súa maioría, a un público familiar, pero este ano, fixemos unha aposta decidida pola música nas súas distintas variantes, e agardamos que o público nos acompañe, no noso auditorio municipal, como vén facendo cada ano, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.  

 Unha ducia de actividades, das que preto da metade serán totalmente de balde, como o recital poético-musical de Pablo Vila, encargado de abrir a axenda cultural con “O soño e o eco de Rosalía de Castro”, o domingo 23 de febreiro, ás 17.30h na Praza Cultura de Goián. Tamén será sen custe o xa tradicional desfile de entroido “Venres de Foliada”, previsto para a noite do 28 de febreiro con percorrido polas rúas céntricas de Tomiño.  

 A obra teatral “Testosterona”, de Malasombra Producións, chegará ao Auditorio de Goián coincidindo co Día Internacional da Muller (8 de marzo, 21.00h). 

 E completando a conmemoración desta data, outra proposta escénica, con música en directo e monicreques: “Historia dunha nena namorada do mar” con Osoldeoutonoteatro, o domingo 9 de marzo, ás 17.30h, tamén no auditorio.   

 Xa no mes de abril, fin de semana para o teatro musical, con “Molto Barroco” co grupo Píscore (sábado 12 de abril. 21.00h. Auditorio Municipal). O domingo 13 ás 17.30h, continúa a música para cantar e bailar, con “María Fumaça”, tamén no auditorio. 

 A seguinte fin de semana, música polifónica coa Coral de Tomiño (domingo 20 de abril. 19.00h. Auditorio). E o sábado 26 do mesmo mes, coa banda “Querido”, encabezada por Andrés Ferreiro, fillo de Iván Ferreiro (21.00h. Auditorio). Pecha este ciclo musical “Uxía Lambona e a Banda Molona”, con troula e animación, o domingo 27 de abril (17.30h. Auditorio).  

 A conmemoración do Día das Letras Galegas, o venres 17 de maio, como vén sendo habitual, traerá á praza do Seixo diferentes actividades e obradoiros (de balde), entre as 10 e as 14 horas. 

 Por último, no mes de xuño, II Edición Festival Máxico de Tomiño, os días 20, 21 e 22, e tamén de balde. 

 Para a organización destas actividades e actos, o Concello contou coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Deputación de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario