27 de xan. de 2025

O ROSAL

Rompendo co patriarcado  cos ‘Cafés en Igualdade’  

 O bar Floro, de Marzán, acollerá o vindeiro xoves 30 de xaneiro ás 17.30 h, a primeira charla da nova tempada deste espazo de aprendizaxe  



Infogauda / O Rosal 

 O patriarcado está presente en cada esfera da vida cotiá como un fío invisible que perpetúa desigualdades. Entendelo e combatelo é o primeiro paso para transformar a sociedade. Con este obxectivo, o vindeiro xoves 30 de xaneiro ás 17:30 horas, o bar Floro, de Marzán, converterase no escenario da primeira charla da nova tempada dos ‘Cafés en Igualdade’, un espazo de encontro e reflexión promovido polo Concello co que busca continuar revolucionando mentes. 

 Baixo o título ‘Patriarcado. Un sistema de privilexios’, as expertas en igualdade de Prisma Igualdade Priscila Retamozo e Cristina Louzán explicarán de xeito claro e próximo os privilexios de xénero que benefician aos homes no marco de relacións sociais desiguais e inxustas. Ademais, afondarán nas claves para rachar con esta estrutura e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. 

 A activista, politóloga, formadora e consultora experta en igualdade e xénero Priscila Retamozo é coordinadora do proxecto educativo ‘Comando Igualdade’, co-creadora e presentadora do videopodcast ‘Histérikas Histórikas’ galardoado como programa revelación nos premios Youtubeiras e gañadora do Premio Emilia Pardo Bazán no País das Rías pola súa traxectoria en feminismo e coeducación. Pola súa banda, Cristina Louzán é axente de igualdade, oceanógrafa, consultora e formadora cunha ampla traxectoria en consultoría en desenvolvemento sostible, cooperación internacional e igualdade. Retamozo e Louzán son as cofundadoras de Prisma, unha consultoría de igualdade dende a que poñen en marcha diversas iniciativas e proxectos entre os que destacan o curso de teoría feminista para a cidadanía, que vai pola súa sexta edición. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia de proxectos como este para a veciñanza, xa que “é un exemplo do compromiso do noso Concello coa igualdade e coa sensibilización social. Nesta primeira charla abordaremos un tema clave, poñendo enriba da mesa realidades que ás veces se invisibilizan e abrindo un espazo para o debate construtivo. Queremos convidar a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar, porque a igualdade é unha tarefa de todas e todos”. 

 A charla será de balde e estará aberta a todos os públicos, permitindo que persoas de calquera idade poidan achegarse a esta problemática e coñecer ferramentas para ser parte do cambio. 

 Este proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario