27 de xan. de 2025

O BAIXO MIÑO

QUEREMOS GALEGO CHAMA A PARTICIPAR NA ASEMBLEA COMARCAL  PARA  “MUDAR O RUMBO DO GALEGO" 

   Este xoves, día 30 de xaneiro, ás 20:00 h, no Centro Goianés


Mobilización de Queremos Galego, en Compostela, en 2024

Xosé Manuel Méndez / O Baixo Miño

 O  Centro Goianés vai acoller o xoves día 30 de xaneiro, ás 20:00 h, unha asemblea comarcal do Baixo Miño de Queremos Galego, no que a plataforma de entidades en defensa da nosa lingua perfilará a gran manifestación nacional que terá lugar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, entre a Alameda de Santiago e a Praza do Obradoiro.  

 Todas as entidades e persoas que o desexen poden participar nesta asemblea para avaliar a situación da nosa lingua, así como na definición das accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego, para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído.  

 Desde Queremos Galego, recordan que os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos, mais tamén que cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua, conseguiu frear a perda de falantes. Non podemos ter ningunha confianza, lamentan desde a plataforma, nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV ou na xustiza, ademais de ter prohibido  nalgunhas materias o uso da nosa lingua . “Un goberno de Xunta - engaden - que fala de pacto pola lingua mais non só non contestou as solicitudes de encontro, senón que xa está a propor o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario